Francotiradores de cadriños

Os creadores que autoeditan o seu traballo representan unha tendencia importante entre os novos nomes da BD

Os creadores que autoeditan o seu traballo representan unha tendencia importante entre os novos nomes da BD
Durante moito tempo Miguelanxo Prado definiu a situación da banda deseñada galega como un espazo de francotiradores. Autores que desenvolvían o seu traballo de xeito illado buscando dar a coñecer a súa arte. Aínda que as cousas mudaron ao longo dos anos, nas novas voces da nosa banda deseñada non faltan tampouco creadores que apostan pola autoedición individual para desenvolver os seus proxectos neste campo. Continuamos o noso repaso da nova xeración da BD galega.

A facilidade técnica crecente, a baixada de custos, a existencia dun pequeno circuíto de espazos para mover o seu produto, a ansia por aprender en contacto co público ou, como non, a ausencia de oportunidades convencionais. Os motivos que levan a un creador de banda deseñada a editar el mesmo a súa obra poden ser moi variados. Sexa polo que for, nos últimos anos unha serie de autores do noso país está a apostar por este xeito de difundir o seu traballo, e non semellan descontentos co resultado.

Cristián F. Caruncho. O Benxamín
Cristian Fojón Caruncho leva desde hai anos a apostar pola autoedición en liña e en papel para promover as súas bandas deseñadas. Segundo explica, "desde moi pequerrecho me prestou debuxar. Lembro que xa con cinco anos pasaba o día pintando todo canto papel houbese pola casa, e sempre pensei que ser debuxante debía ser xenial. Debuxar e maila BD son dúas das miñas meirandes paixóns, así que tentarei vivir delas" explica. A súa aposta por publicar os seus propios traballo é tamén temperá. "Meu irmán levoume cando tiña trece anos ao Viñetas desde o Atlántico. Eu levaba os orixinais do  primeiro cómic que fixera e fúnllelos ensinar aos debuxantes que estaban nos stands. Manel Cráneo,Gochi, David Rubín ou Kike Benlloch animáranme moito e recomendáranme autoeditar o meu traballo". Así arrincou unha carreira que leva xa varios títulos editados no clásico formato de fotocopias e que tamén están dispoñibles de xeito íntegro na rede. "A idea é sobre todo poder ensinar o que fago", explica o autor. Malia a non desbotar en absoluto o traballo con editoras convencionais, este autor sinala que "se algún día consigo traballar cunha editora tampouco creo que abandone a autoedición. Tes o control total do teu produto e unha grande liberdade, é algo moi atractivo".

No traballo de Caruncho, a temática nidiamente galega e a ambientación rural mestúrase coa estética e os recursos narrativos propios do manga. Entre as súas primeiras lecturas apunta "Astérix ou mangas coma One Piece". No entanto, a propia BD galega deixou a súa pegada nos gustos dun autor nado aínda en 1997 e que, polo tanto, atopou xa desde moi novo unha certa variedade de obras patrias dispoñibles. "A primeira obra galega que lin penso que foi Uxío Novoneyra: a voz herdada de David Rubín e Kike Benlloch... e encantárame! Despois do bo gusto que me deixou ese cómic empecei a interesarme por outras historias, porque até daquela logo lía só manga shonen. Agora autores coma Emma Ríos, Miguelanxo Prado e ,sobretodo, David Rubín son dos meus favoritos. Dos máis novos toleo polos rapaces de Sacoponcho. En Galicia é incríbel a chea de xente que hai con ganas e talento para a BD. Somos potenzia".

Blog de Cristián F. Caruncho





Fernando Castro. A volta á BD
Fernando Castro dábase a coñecer o pasado Viñetas desde o Atlántico de 2014 como autor de banda deseñada. A diferenza doutros creadores, trátase neste caso dun autor que xa ten certa idade, 37 anos, pero que atopou agora o momento de desenvolver esta súa faceta. "A afección pola lectura  e vocación de escribir e debuxar BD vén de moi cativo. Ata os doce anos debuxaba e escribía cómics continuamente". A dedicación á música substituíu as inquedanzas pola plástica durante moito tempo ata que "hai un par de anos, cando xa levaba tempo a idea roldado pola miña cabeza, decidín investir o esforzo e o tempo en retomar o debuxo para poder facer os meus cómics". Así naceu Gris un ambicioso proxecto autoeditado que consiste nunha única historia que se presenta nunha serie de fanzines.

No seu caso, a aposta pola autoedición "foi algo natural e non premeditado. Cando comecei con Gris tan só quería facer unha historia un pouco máis longa daquelas de 2 ou 3 páxinas que viña facendo, non tiña pensado editar un fanzine. A trama pouco a pouco foi crecendo e a produción da historia estábame levando demasiado tempo. Así que decidín rematar o que sería un primeiro capítulo e logo xa vería se continuaba ou pasaba a outra cousa. Como nese momento na Coruña (que é onde vivo) íase celebrar o mini-festival de autoedición Autobán pensei que sería unha boa experiencia de aprendizaxe e unha oportunidade para ensinar o meu traballo a xente a quen lle puidese interesar". Castro exemplifica deste xeito como a posibilidade de ter un lugar onde presentar este tipo de edicións facilita os novos lanzamentos.

Do mesmo xeito que outros dos seus coetáneos, Castro recoñece a pegada que outros autores do país deixaron nel. "Sempre estiven moi atento a creación artística na miña terra, e moitos dos autores de BD galegos son referentes para min. Comecei lendo hai máis de 20 anos a Quotidiania delirante de Miguelanxo Prado, quen me parece un autor de máximo nivel mundial. Sigo e gustánme moito autores galegos como Martín Romero, Kike Benlloch, Emma Rios, David Rubín, Xurxo G. Penalta ou Manel Cráneo". Deste último destaca ademais o seu traballo como editor en Demo Editorial "por el cheguei a fantásticos autores coma Jano, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Manolo López Poy ou Miguel Fernández". De entre os máis novos creadores apunta de novo "o colectivo Miñoco, Dani Xove ou Cristian F. Caruncho".

Facebook de Gris BD





Kike J. Díaz. A toda cor
Nordés, un ambicioso álbum de 64 páxinas a toda cor amosaba no verán de 2014 o debut de Kike J. Díaz como autor de BD, de novo resultado dunha antiga vocación. "Lembro, xa antes de saber ler, de ollar tebeos, supoño que serían os da época de Bruguera, SuperLópez… e xa algo rulaba pola miña cabeciña neses momentos e montaba as miñas pequenas historias. Xa cando controlaba máis, tirei polo tebeo de superheroes e algo máis tarde intereseime polo manga. Tamén tiña dende pequeno, mentres estaba a ver debuxos animados na TV, o costume de copiar nun papel e facer logo historietas cos personaxes". Para alén destas influencias, tamén Díaz coincide na pegada dos seus antecesores na BD galega sobre os seus traballos. "Coñecía e seguía, e sigo, o traballo de David Rubín e a xente de Polaqia, os de BD Banda, Miguelanxo Prado... aparte que son xente que influíu moito na miña forma de facer e entender a BD". De feito, a súa primeira obra inclúe unha aparición de Suso Peña, debuxante de Ribadeo que desenvolveu unha importante carreira internacional.

Na aposta pola publicar el mesmo o seu traballo pesou, no seu caso, a intención formativa. "A decisión de tirar pola autoedición veu do interese en coñecer este mundiño desde dentro. Recomendo a todo o que teña intención de se dedicar a esta profesión, autoeditarse cando menos unha vez. Non é o método ideal, no sentido de que non xira a roda enteira; non fas que o autor, o editor, o distribuidor e o libreiro sexan partícipes nesa engrenaxe, pero é unha maneira de comezar e aprender controlando todo o proceso de creación e edición desde as entrañas". Como se pode ver, en todos os casos consultados esta elección aparece como unha opción que permite un maior control do traballo antes do que unha imposición pola dificultade en editar.

Web de Kike J. Díaz





Marcos B. Aventuras para os máis novos
En novembro de 2013 Marcos B. debutaba co seu álbum Las aventuras de M&M: El Caserón del Acantilado, unha aventura dirixida a público xuvenil na que se deixan sentir as pegadas dos clásicos da banda deseñada francobelga. Segundo explica este autor a súa aposta pola autoedición foi ata certo punto forzada. "Mandeilles mostras a moitas editoriais nacionais e estranxeiras pero non conseguín unha resposta positiva sobre a súa publicación. Foi nese momento cando comecei a considerar a autoedición". Aínda que a experiencia foi positiva, e segundo explica tiven unha alegría moi grande cando recibín moi boas críticas por parte de xente cuxa opinión valoro moito", tamén se atopou con problemas. "Agora, tras máis de ano e medio, son máis consciente da complexidade que ten editar de forma autónoma: as dificultades para vendelo nas tendas, para facelo visible de cara ao público ou os requisitos fiscais". No entanto, asegura a súa intención de continuar o seu traballo tanto nesta serie como noutros proxectos.


Web de Las aventuras de M&M





Los Bravú. Editoriais e autoedición
Outros autores que se afianzaron a partir do seu propio traballo como editores é o dúo creativo Los Bravú (Dea Gómez e Diego Omil). Desde Marín, publicaron fanzines como Te deseo que nunca te falte el sentido del humor y siempre te rías mucho, Un tebeo abstracto en blanco y negro ou Lujo, calma y voluptuosidad, todos eles dunha marcada liña underground a explorar os límites narrativo e expresivos da BD. Na actualidade estes creadores están a traballar en editoras estatais como Apa Apa ou Fulgencio Pimentel, onde xa teñen publicados títulos como La furia, Introducción, nudo y desenlace ou Toreromaus. Segundo explica Omil "a nosa aposta pola autoedición facilítanos moito movernos, achegarnos a festivais e estar en contacto con outros autores e xente do mundiño. Tamén nos dá unha liberdade enorme para facer o que nos dá a gana". Encol das diferenzas co traballo con editoras, apunta que "no contexto no que traballamos, con tiraxes moi pequenas e para un público minoritario, atopamos editoras que nos deixan as mans moi libres. É certo que recomendan cousas e fan un grande traballo de edición, pero sempre de xeito construtivo".

Web de Los Bravú





A situación potencial
Encol do futuro, estes creadores son relativamente optimistas. "Penso que a BD ten un grande potencial inda sen estoupar. É coma se estivese a espertar. Teño ido a varias feiras de artesanía cos meus fanzines e ás veces chégame xente con prexuízos. Pensan que como fas cómic fas "caricaturas" ou "superheroes" e cando ven que as historias poden abordar outros temas,que pode haber temáticas alternativas, interésanse. O caso é achegarlle o medio a toda a xente que inda non o coñece, que ten unha idea moi limitada e probe del", explica Cristián F. Caruncho.

Pola súa banda Castro destaca tamén o bo momento creativo da novena arte. "Paréceme sorprendente a cantidade e calidade dos autores galegos, e penso que iso sería moi difícil se en Galicia non houbese unha grande cantidade de xente interesada na BD. Creo que hai unha boa cantidade de librarías especializadas no país e que pouco a pouco van abrindo novas. Tamén están xurdindo outras iniciativas coma o marabilloso espazo radiofónico Metropoles delirantes, e blogs ou seccións dedicadas ao cómic en medios de información xeral coma pode ser a BDteca de Rubén Santamarta en La Voz de Galicia ou Biblioteca comiquera de Bruno Lorenzo en vivirnacoruña.es. Creo que todas estas iniciativas responden a unha demanda que existe".

A xente que le é una minoría. Dentro deses poucos hai outra minoría que le BD, e logo aínda hai outro grupo que le BD en galego, que é máis minoritario.



Fronte a esta visión, é a ausencia de público o que máis lamenta Kike J. Díaz no actual panorama. "Haino, pero moi escaso. A xente que le, polo xeral, é una minoría. Dentro dos poucos que len, hai outra minoría que le BD, e logo aínda hai outro grupo que le BD en galego, que é máis minoritario. Por exemplo, hai gente que me pregunta o motivo de que Nordés non esté en galego, e sempre dou a mesma resposta: nada me gustaría máis, de feito o guión orixinal está en galego, pero como tiña que darlle a maior saída posible e estaba xogando cos meus cartos, finalmente decidín que saíra en castelán. Aínda teño esperanza de ver Nordés editado en galego, non obstante". 

Cada vez vemos máis produtos autoeditados que están a un nivel perfectamente comparable con apostas de editorais.



Los Bravú, pola súa banda recomendan vivamente a aposta por publicar os propios traballos, e mesmo apunta un potencial crecente para estas iniciativas. "Agora mesmo está a se vivir un momento moi chulo, e mesmo no auxe da BD a nivel estatal está a ser moi importante a autoedición. Internet tamén che permite conectar con novos públicos, e enviar o teu traballo a alguén que traballa en Alemaña, Estados Unidos ou Brasil. Nós podemos vender 50 copias en Galicia pero outras 100 van para en toda Europa, por pedidos en liña ou en festivais internacionais". As posibilidades das novas tecnoloxías están, segundo sinala Omil, "a diluír as fronteiras. Cada vez vemos máis produtos autoeditados que están a un nivel perfectamente comparable con apostas de editorais. Penso que nun futuro non moi afastado será posible autoeditarse e ter unha difusión e unha tiraxe digna que resista ao mesmo nivel que outros xeitos de edición. Agora mesmo o problema é a distribución, as editoras están mellor preparadas, hai librarías que apostan pola autoedición".

Novos proxectos
De cara ao futuro inmediato, Caruncho quere continuar a súa polo momento prometedora carreira en certames. "Acabo de facer unha BD de só 3 páxinas pra un certame e agora estou a debuxar unha historia dunhas vinte e pico páxinas, seguindo no meu universo de Regho Torto. Vai ser unha homenaxe a Pat Garret & Billy The Kid , de Peckimpah, falando un chisco do abandono do rural galego, con humor". Castro, pola súa banda, pretende centrarse na continuación de Gris, aínda que adianta que traballa tamén "en ideas e primeiros borradores doutras historias". Díaz, finalmente, sinala que "estou a preparar unha recompilación de historias curtas propias, algunhas novas e outras que xa levan moito tempo perdidas en cadernos ou pola miña cabeza", ademais doutros proxectos que non quere, polo momento, adiantar.

Así pois, atopamos na Galicia actual un panorama de autoeditores de banda deseñada do máis variado. Neste campo mestúranse as propostas narrativas máis experimentais con aventuras de corte clásico para os máis novos, a pasar por obras de xénero. En canto a formatos, temos desde as edicións máis profesionais, cun coidado deseño e impresión ata apostas deliberadas polo fanzine máis convencional e a fotocopia. Con creadores convencidos en moitos casos das vantaxes deste xeito de traballar, semella que hai que contar coa autoedición para moitos anos aínda na nosa BD.