BD: A nova xeración. Os colectivos

Os novos grupos de autores reclaman a súa importancia como dinamizadores da novena arte galega

Os novos grupos de autores reclaman a súa importancia como dinamizadores da novena arte galega
Ilustración de Rebeca Varela. Colectivo Miñoco.
Os colectivos de autores reclaman o seu protagonismo na banda deseñada galega. Creadores novos que se organizan e optan pola autoedición para dar a coñecer o seu traballo están a se presentar nos últimos anos como os dinamizadores dun ámbito que presenta un futuro prometedor. Seguimos o noso repaso pola nova xeración da BD .

Miñoco
En 2011 unha exposición no festival Expotaku daba a coñecer publicamente o colectivo Miñoco. Segundo explica Jorge Peral, un dos seus membros, trátase dun "grupo de ilustradores galego que ten como obxectivo promocionar o noso traballo e fomentar a ilustración e a BD en Galiza, facendo proxectos conxuntos e actividades. Actualmente os compoñentes do colectivo somos María Álvarez, Yago García, Alberto Fernández, David Guevara, Roberto Martínez Soler, Rebeca Varela Paula Esteban Blanco, Sonia Corral e máis eu", cunha media de idade duns 27 anos. Ademais de continuar a desenvolver exposición, o grupo corre coa organización dos Drink and Draw na Coruña. "É unha actividade que importamos doutras cidades onde se fai como Madrid, Barcelona ou Valencia, que consiste en organizar unha quedada tanto de debuxantes profesionáais como amateurs nun bar para tomar algo e debuxar nun ambiente distendido. Para darlle máis gracia, propoñemos retos e marcamos un límite de tempo para cumplilos", explica.

O lanzamento de número 0 do fanzine Compota de Manatí en 2012 amosaba as posibilidades de boa parte destes autores. "É un proxecto paralelo a Miñoco no que participamos María Álvarez, Yago García e máis eu. Trátase unha publicación de historias curtas nas que a súa creación está condicionada por un sistema de aleatoriedade. A partires dunha lista de 400 obxectos variados, desde cousas sinxelas como "coche" a extravagancias como "tiburón con raios láser", temos que crear unha historieta breve de 4 páxinas como máximo. Para que a cousa sexa aínda máis interesante, temos unha lista paralela de 200 inconvenientes, por exemplo que a historia non teña texto ou que teña que haber unha viñeta en negro, cousas polo estilo. É un bo modo de experimentar coa BD e resulta moi divertido, tanto para o creador como para o lector, porque da lugar a situacións moi surrealistas".

Blog de Miñoco




Capa de Compota de Manatí 1. Yago García
Páxina de Cruel y Estúpido. Roberto M. Soler
Páxina de Cruel y Estúpido. Roberto M. Soler
Páxina de Artesano. Jorge Peral
Páxina de Quen son eu. Jorge Peral
Páxina de Las Aventuras De Frisby y Trisky. Paula Esteban
Páxina de No te agarres la cabeza. Paula Esteban


Fume de Carozo
Pola súa banda, Fume de Carozo desenvolve a súa actividade entre Galicia e Valencia e naceu da man de "catro galegos emigrados con afección pola BD e a autoedición. Poderíase dicir que temos sensibilidades e inquedanzas similares, e que iso foi o que nos levou a traballar xuntos. Basicamente levamos este proxecto común para ter un espazo onde experimentar e xuntar a outros artistas ós que admiramos". Uxía Larrosa, Paloma Tarrío, Luis Yang e Xulia Vicente son os compoñentes deste grupo que dá a coñecer o seu traballo co fanzine Sacoponcho, do que levan xa tres entregas.

Tumblr de Sacoponcho



Páxina de Luís Yang. Fume de Carozo
Páxina de Luís Yang. Fume de Carozo
Páxina de Paloma Tarrío. Fume de Carozo
Páxina de Paloma Tarrío. Fume de Carozo
Páxina de Uxía Larrosa. Fume de Carozo
Páxina de Uxía Larrosa. Fume de Carozo
Páxina de Xulia Vicente. Fume de Carozo
Páxina de Xulia Vicente. Fume de Carozo


Cabeza de Corte Aéreo
Coa facultade de Belas Artes de Pontevedra como centro, o colectivo Cabeza de Corte Aéreo naceu como tal en 2013 co lanzamento da primeira entrega do seu fanzine Ratuíto. Fan parte do mesmo na actualidade Aarón Fernandez Martínez, Ricardo Gonzalez Iglesias , Sandro Kevin Gonzalez Nöel, Sandra Revuelto Sanchez , Eduardo Sanchez Abalo, Mateo Alvarellos Rodriguez-Navas, Alejandro Gaudino e Alberto Gonzalez Rial dos cales, segundo explica Alvarellos, "case todos nós estudamos a carreira de Belas Artes. Sempre debuxamos entre nós e compartiamos cómics, o que fixo que fósemos desenvolvendo gustos comúns" explican. Coetáneos dos Miñoco, este grupo aposta coma eles por propostas experimentais e mestura nas súas producións a narrativa, a ilustración ou a banda deseñada.

Tumblr de Cabeza de Corte Aéreo




Aarón Fernández. Cabeza de corte aéreo
Alberto González. Cabeza de corte aéreo
Alejandro Guadino. Cabeza de corte aéreo
Eduardo Sánchez. Cabeza de corte aéreo
Logo do grupo. Cabeza de corte aéreo
Mateo Alvarellos. Cabeza de corte aéreo
Ratuítos 1 a 3. Almanaque de actividades cinexéticas. Cabeza de corte aéreo
Ricardo González. Cabeza de corte aéreo
Sandra Revuleto. Cabeza de corte aéreo
Sandro González. Cabeza de corte aéreo


A banda de Moebius
Os alumnos da Escola de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, de Pontevedra, dábanse a coñecer como colectivo de autores en 2013 coa publicación, da man da escola do volume colectivo A banda de Moebius. O grupo recuncaría ao ano seguinte con A vila dos debuxantes do Norte e con Hermético, un fanzine autoeditado polo grupo de alumnos que asisten ás aulas de fin de semana. Zé Nuno Fraga, Fonso Barreiro, Ángel Verísimo, Andrés Gil Vázquez, Sabela Alonso, Álbaro Barrientos, Ánxela López Pulpeiro, Andrés Laxeira, Carlos Limeres, Inés Vázquez, Juan Carlos Pérez Reboiras, José Carlos Pérez Da Silva, Guillermo Mayo Debelius, José Malvárez Carleos, Alexandre Senade, Salvador Aneiros, Ánxel López, Nico Regueiro, Rubén G. Ramallo, Elisabet García Aires, Alberto Abal (AL), J. Enrique Veiga, Nuno Cunha, Alba de Alba, Sandroke, Fran Couto, Daniel Corrada, Nuria Figueiredo, Miguel Rojo, T.G. Martins ou Escal son algúns dos nomes que participan nestas publicacións, ás que se sumou en 2015 o fanzine Noveno 9. Segundo apunta Kiko da Silva, director da escola "entre os corenta alumnos do curso profesional hai vario grupos. Algúns xúntanse para facer fanzines. Agora mesmo, os alumnos que veñen pola semana están a preparar un".

Dentro deste grupo hai unha grande variedade de idades, formacións e estilos. "Temos xente que fixo Belas Artes, outros que están a estudar e algúns que traballan. Hai persoas que se matriculan con 19 anos e outros que pasan de corenta. A media pode andar polos vinte e tantos anos", explica o director da escola. Ao tempo "vemos que cada un vai polo camiño que lle interesa, e iso é algo que fomentamos desde a propia escola porque non queremos que todos debuxen do mesmo xeito. Ao comezar pensei que habería moito manga, pero estamos a ver que non son tantos. Hai xente que comezou con ese estilo e que se foi decantando por influencias máis francesas ou americanas".

Web de O Garaxe Hermético




Páxina de Dani Corrada. O Garaxe Hermético.
Páxina de Quique Veiga. O Garaxe Hermético
Páxina de Serxio Sánchez. O Garaxe Hermético
Páxina de Andrés García. O Garaxe Hermético
Páxina de Carlos Limeres. O Garaxe Hermético
Páxina de Pedro Nuno Cunha. O Garaxe Hermético
Páxina de Ánxela López Pulpeiro. O Garaxe Hermético
Páxina de Inés Vázquez. O Garaxe Hermético


Autoedición
Encol da aposta pola autoedición, Peral explica, desde Miñoco que "é cousa do momento no que estamos. Agora mesmo, a maneira máis directa de amosar o noso traballo é autopublicando, xa sexa por internet ou sacando fanzines impresos. As veces escoito historias de autores xa veteranos que falan de que comezaron en revistas e eu creo que a esencia e case a mesma. Agora o tema das revistas practicamente xa non existe e por iso sacamos fanzines. Eu supoño que o mesmo lles pasou ós de Barsowia", sinala. Tanto uns como outros coinciden en destacar as posibilidades que achega este xeito de dar a coñecer o seu traballo.

"A autoedición é un xeito de descubrir posibilidades sen estar atado a esixencias de ninguén nin requisitos de ningún mercado"



"A liberdade é total, é un campo perfecto para experimentar, xa non só coas creacións de cada un, senón tamén cos papeis, formatos, encadernacións... É un xeito de descubrir posibilidades sen estar atado a esixencias de ninguén nin requisitos de ningún mercado", explica Xulia Vicente desde Fume de Carozo. En Miñoco, pola súa banda, consideran que "a vantaxe da autoedición é a liberdade para falar do que queiras e facer as cousas ó teu modo: nós debuxamos, maquetamos e promocionamos a publicación; pero a clara desvantaxe é o tema dos cartos: todo o que gañamos é para seguir publicando, así que é algo que facemos no tempo libre, compaxinando có traballo. Algúns dos membros de Miñoco traballan noutra cousa, ou estudan, ou facemos encargos de ilustración que van saíndo. Por suposto o noso soño é poder traballar no mundo editorial e cremos que, en parte, este traballo é un bo adestramento para cando chegue ese momento".

Do mesmo xeito, tamén en Cabeza de Corte Aéreo ven "a autoedición como un fin en si mesmo", e apuntan que "presenta un mundo de posibilidades infinitas, onde nós aplicamos os nosos propios filtros ou directamente prescindimos deles. Liberdade de formato, número de páxinas, temática e todos os aspectos cos que conta un fanzine son as razóns que nos fagan crer máis na autoedición que tirar por outro camiño editorial máis establecido nunhas bases que nós cremos que deberían evolucionar", explica Alvarellos desde este colectivo.
Desde a perspectiva de Da Silva, estes proxectos teñen unha particular importancia a nivel formativo. "A maioría hoxe fai fanzines para facer historias. Isto obrígaos tamén a traballar con datas de entrega, que é algo que na escola tentamos deixarlle claro. O traballo en grupo impide que se vaia adiando o traballo e mesmo provoca unha certa competición sa por facer cousas o máis chulas posible".

"Somos moi fans dos autores da desaparecida Polaqia, en certo modo Miñoco e Compota de Manatí nacen un pouco coa idea de facer algo parecido ó que eles fixeran"



Influencias galegas
Os novos autores que se autoorganizan coñecen outros creadores de máis idade, e mesmo os teñen como exemplo e se relacionan con eles. Isto supón unha relativa novidade na banda deseñada galega, que de xeito histórico se vía na necesidade de se reinventar en cada nova xeración ante a ausencia xeral de referentes propios. Así, desde Miñoco, apuntan que "en xeral somos moi fans dos autores da desaparecida Polaqia, en certo modo Miñoco e Compota de Manatí nacen un pouco coa idea de facer algo parecido ó que eles fixeran con Barsowia" explica Peral. "Persoalmente admiro moito o traballo de David Rubín, Emma Ríos ou Jose Domingo. Con Jose tiven a sorte de coincidir no mesmo estudio, La Pelu, e sempre me bota unha man no que pode. En xeral son xente próxima coa que se pode falar e que sempre están dispostos a responder preguntas ou dar consello ós que estamos empezando".

En Fume de Carozo tamén advirten que "o colectivo naceu grazas á estela que deixaran fanzines como Barsowia" e apuntan que "é fundamental o labor que fan as xornadas de cómic, non xa as grandes como as de Barcelona, senón tamén Viñetas ou o recente Autobán, nos que a proximidade con autores e outros profesionais do sector é moi agradecida". Neste colectivo, cunha media de pouco máis de vinte anos de idade, recoñecen que "a idea naceu nas aulas dun segundo de bacharelato artístico, grazas á estela que deixaran fanzines como Barsowia, pero o colectivo non acadou a súa forma definitiva ata chegar á universidade, cando Paloma se incorporou e por fin fixamos o formato e data de saída da publicación Sacoponcho e nos puxemos a traballar en serio".

Esta relación está tamén presente nos alumnos de O Garaxe Hermético, que teñen como profesores a Kiko da Silva, Fran Bueno, Miguel Porto ou Fernando Iglesias e onde ademais imparten aulas maxistrais de xeito puntual outros creadores do noso país como Miguelanxo Prado, Emma Ríos ou David Rubín entre outros. Encol dos seus alumnos, Da Silva apunta que "moita xente segue o que se está a facer aquí, andan moi pendentes das novidades e teñen interese por ir a presentacións e a actividades". Ademais "nas propias materias de historia da banda deseñada tamén falamos do que se fixo en Galicia. Resulta curioso porque contamos cousas que xente como Miguel Porto ou eu mesmo vivimos en primeira persoa e que para eles é xa parte da Historia".

"Hai unha certa mellora na situación xeral da BD, moitos novos autores que veñen pegando forte e se cadra tamén hai unha mellor recepción do público".



Visións de futuro
Malia á situación de crise económica, os membros destes grupos son relativamente optimistas encol do seu futuro profesional. Así, para Xulia Vicente, "Hai unha certa mellora na situación xeral da BD, moitos novos autores que veñen pegando forte e se cadra tamén hai unha mellor recepción do público. Aínda así, faltan lectores. É un problema a nivel España tamén. O tebeo aquí non ten unha base lectora que abonde para dar de comer a tantos autores e editoriais que traen tan enorme cantidade de novidades ó ano. Pouco a pouco van aparecendo moitos pequenos intentos por arranxar isto, dende librerías, colexios ou bibliotecas, pero dende grandes medios a BD (especialmente nacional) parece case invisible ou mal representada".

Peral, desde os Miñoco, sinala que "a BD galega está mellor que nunca. Eu creo que nunca se vira tanto talento xunto traballando para tan diferentes mercados. E por outra banda están saíndo colectivos de xente máis nova que, igual que nós, está metida nos fanzines. É un panorama prometedor. O que falta é a consciencia do que temos. Contamos con autores de altísimo nivel, pero non temos industria; hai moi poucas editoriais de cómic galegas. Hoxe é moi difícil manter un proxecto así, máis aínda se traballas exclusivamente na Galiza. O peor de todo é que os grandes grupos editoriais que operan aquí non valoran o cómic da mesma maneira que o resto da literatura. Penso que aínda o ven como algo de nenos e por iso os autores prefiren ir a editoriais que ofrezan unha maior saída profesional e que os tomen máis en serio. Admiro a editoriais como Demo, dirixida por Manel Cráneo, que teñen valor para publicar cómic galego e fan grandes esforzos para manterse na brecha".

Segundo explica Alvarellos desde Cabeza de Corte Aéreo "a BD galega está nun bo momento. Aos poucos están a aparecer novos grupos ou autores independentes que participan do mundo da autoedición e da edición comunmente coñecida. Estase a ver moito talento fluíndo e a xente non para de xerar material. Pensamos que o que falta agora mesmo é tempo para ver os resultados desta explosión de traballo e comprobar, por exemplo, como se verá reflectido na relación edición/autoedición".

"Había unha certa preocupación polo que tardaba en aparecer unha nova xeración de creadores, pero agora a renovación está aí, e penso que cada vez vai tardar menos"



Da Silva, pola súa banda, a teor do que observa na Escola, apunta que "había unha certa preocupación polo que tardaba en aparecer unha nova xeración de creadores, pero agora a renovación está aí, e penso que cada vez vai tardar menos. Ao final hai unha certa retroalimentación, e se alguén ve que hai xente da súa idade a facer cousas, é fácil que tamén se anime. Agora mesmo estamos a recoller un pouco todo o que se fixo desde o ano 2000: Asociacións, colectivos, as propias librarías que cada vez están máis activas… Agora o seguinte paso será que toda esta xente comece a facer BD e que os editores se decaten de que hai produción abonda para facer unha colección continuada dentro dos seus lanzamentos".

Accións de futuro
De cara ao futuro, os membros de Miñoco anuncian vindeiras entregas do Drink and Draw, exposicións e, como non, de Compota de Manatí. Proxectos colectivos que se complementan con propostas individuais de edición dalgúns dos seus membros. "Estamos traballando no novo número e esta vez imos con moitos convidados, estamos entusiasmados coa forma que vai tomando o proxecto. Seguimos tamén có Drink & Draw, que pronto vai ter novidades, e estamos planificando novas exposicións". En paralelo, Jorge Peral está a debuxar a súa primeira novela gráfica. El Artesano, "un western con toques de ciencia ficción con guión do meu irmán xemelgo, Víctor. É unha historia de acción onde o tema da corrupción será un dos eixes principais". Pola súa banda, Roberto Martínez Soler prepara un novo número do seu fanzine Cruel y Estúpido ao tempo que colabora co Proyecto Onire, un webcómic con guión de Javi Prieto. Pola súa banda, Paula Esteban "está a traballar nun fanzine chamado Las Aventuras de Frisby y Trisky, que narra en historias breves as peripecias destas dúas personaxes, cun ton cómico e surrealista".
Pola súa banda, desde Fume de Carozo sinalan a intención de continuar coa súa cabeceira, sen descartar outras posibilidades."como vivimos en dúas cidades distintas non podemos vernos moi a miúdo nin dedicar todos os nosos esforzos ó Sacoponcho, por iso ata agora mantívose como unha humilde publicación anual. Pero é certo que se conseguimos afianzala ben, estamos desexando facela medrar en participantes, páxinas e incluso tentar facer máis dun fanzine, con outros formatos e outros conceptos".

Os Cabeza de Corte Aéreo sinala que "o noso obxectivo é seguir producindo a nosa obra e seguir participando en feiras de autoedición, charlas e mesas redondas. A finais do ano pasado montamos na facultade de Belas Artes unha feira chamada Turrón del Duro, e intentando buscala súa continuidade estamos a ver cando faremos a edición de verán. Seguimos co espírito co que comezamos e seguimos tendo en mente a creación de novos posters, postais, fanzines e incluso entrar en aspectos novos para nós como puideran ser a produción de camisetas e intervención en murais, por poñer un exemplo. Cremos que a vida vai da man da cinética, e de momento non temos pensado parar".