Presupostos de borrador

O documento está pendente de debaterse e aprobarse no Parlamento

not_13139
not_13139
A semana pasada o Ministerio de Economía deu a coñecer o borrador dos Orzamentos Xerais do Estado. Analizamos o documento relativo a Cultura para coñecer as liñas xerais das políticas culturais de cara ao ano que vén. A conversión do INAEM en Axencia e a potenciación das empresas relativas ao sector son os eixes principais de traballo.

“A cultura é, ante todo, creación”. Con esta frase os orzamentos xerais evidencian que as políticas culturais do Estado pasan principalmente por incrementar a produción, con liñas de axuda destinadas a todos os ámbitos (non só os das industrias culturais clásicas). Como consecuencia da crise, este ano os orzamentos son bastante austeros e máis aínda en Cultura, que sofren un incremento menor (só un 0.5%) en comparación co resto das carteiras. Isto implica que moitos dos grandes proxectos que se foron insinuando ao longo deste ano caen en saco roto. Increméntase a dotación do Plan Nacional de Patrimonio Subacuático, que se executa en coordinación con outros órganos da Administración do Estado, e terá lugar unha reorganización administrativa para dar cubrir novos horizontes. Precisamente este ano o Ministerio pretende que as chamadas empresas da cultura cambien a súa política de actuación e comecen un camiño afastado das subvencións públicas. Pero iso só será posible se se fortalecen como empresas (modernización, innovación e adaptación tecnolóxica) substituíndo as axudas por liñas de préstamos. E para iso acomete unha remodelación da carteira para adecuarse a este novo obxectivo.

Ademais disto, existe outra gran tendencia que afecta a todos os departamentos: as novas tecnoloxías. Crear unha axenda de Internet, dixitalizar o patrimonio e subilo á rede, potenciar redes de datos en liña... son algunhas das tendencias do departamento que dirixe César Antonio Molina para o 2009.

Difusión cultural no exterior
Son as áreas de traballo que lle competen á Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais. En canto ás funcións do Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE) manteranse nas mesmas liñas que no último ano (obras nos instituto de arqueoloxía de Atenas, O Cairo e Roma; incremento das axudas a escavacións arqueolóxicas no exterior)

Dentro das actividades da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a lectura e as letras españolas figura a presenza en 23 Feiras Internacionais do Libro (as mesmas que nos anos anteriores) pero, como novidade, está a creación da Oficina do Traductor como centro e difusión do labor dos tradutores.

Das xuntanzas: II foro da Alianza das Civilización, II Congreso Iberoamericano de Cultura, Presidencia Española do Consello de Europa, XII Conferencia Iberoamericana de Ministros de Cultura

Na promoción do audiovisual no exterior mantense a liña de facilitar a presenza en festivais, contratar campañas de publicidade en prensa, viaxes de actores e directores…. Para o 2009 están presupostadas Mostras de Cinema Español en Nova York (Lincoln Center), e Los Ángeles (American Cinematheque) amén doutros ciclos monográficos.

Arquivos, bibliotecas e museos
Os principais retos para pola implantación efectiva da administración electrónica (na xestión, tratamento, acceso e difusión). Continúan as obras de construcción da nova sede dos Arquivos Históricos de varias provincias, entre eles os da Coruña e Pontevedra. Ademais, continúan as liñas de axudas a entidades e institucións privadas

No campo das bibliotecas, os orzamentos falan de reforzar a nova liña da política de adquisicións, consistentes na suscrición de recursos electrónicos compostos por revistas a texto completo e bases de datos, que se poderán consultar en Internet. Continuar co proceso de catalogación e dixitalización dos fondos bibliográficos da Biblioteca Nacional. Este ano, no campo das infraestruturas, iniciarase a tramitación para a construción da Biblioteca Pública do Estado en Vigo e Ourense.

Con respecto aos museos, o proxecto estrela é a posta en marcha da Rede Dixital de Museos Españoles, que ten como obxectivo a publicación web dos catálogos das coleccións dos Museos Estatais.

Exposicións, promoción e cooperación cultural
No apartado Expositivo continuará nas liñas previstas en anteriores edicións e, entre os encontros internacionais nos que teñen previsto participar está o congreso A arte é acción e as xornadas Rencontres Internationales París/Berlín/Madrid nos que pode haber espazo para os artistas galegos, tendo en conta o que aconteceu en citas do último ano, como a Bienal de Arquitectura de Venecia.

No apartado de promoción e cooperación cultural, unha das primeiras iniciativas para desenvolver no 2009 pasa por xestionar a aplicación en Internet denominada Axenda Cultural. Unha ferramenta que pretende ser un instrumento áxil e eficaz para a difusión das actividades artísticas e culturais nas que participa o Ministerio, tanto en España como no estranxeiro. Neste mesmo capítulo créase unha nova liña de bolsas para fomentar a colaboración de profesionais novos en festivais e centros de interese cultural de relevancia internacional.

Promoción do libro e publicacións culturais
As liñas de axudas son as habituais: edición de libros, fomento e tradución entre linguas oficiais, axudas a empresas e institucións sen fins de lucro, editoras de revistas, axudas a promoción da lectura e letras españolas… Ademais, a lectura segue a ser un aspecto fundamental e para o ano 2009 o ministerio ten previsto incrementar os obxectivos do Plan de Fomento da Lectura. Tamén destaca a campaña de comunicación e concienciación sobre a importancia da lectura que se realizará só na rede e, como en 2008, se centra nos novos; máis o concurso de proxectos de animación lectora en municipios menores de 50.000 habitantes.

Fomento das industrias culturais
É a gran novidade destes orzamentos para o 2009. Para iso o novo plan de fomento das industrias culturais pretende integrar todos os sectores máis a xestión de novos programas financeiros. Para fomentar a creatividade contempla axudas a centros educativos públicos mediante concursos de ideas ou premios. No capítulo para apoiar a creadores e emprendedores culturais pretende crear liñas de crédito específicas para as industrias culturais (en colaboración co ICO): axudas para os custes de avais, axudas para microempresas…. No crecemento, consolidación e internacionalización das empresas culturais contempla liñas de crédito espectíficas con tipos de interese subvencionados; axudas para pór en marcha novos proxectos ou actividades dentro do ámbito da industria cultural: axudas ao investimento en capital para promover a modernización innocación e adaptación tecnolóxica das empresas culturais…

Música e danza
Hai un feito que condiciona relativamente a política cultural neste ámbito, que é o anuncio da elaboración da Lei da música. Para isto cómpre instrumentalizar os recursos económicos para reforzar aquelas iniciativas que a lei poida impulsar (danto producións como difusión musical). Á espera do que aconteza con ese texto lexislativo, falta o programa de apoio á música contemporánea, a creación de equipamentos dedicados a música e danza, máis a produción de espectáculos (Orquestra e Coro Nacional, Teatro da Zarzuela, Compañía Nacional de Danza, Ballet Nacional de España…)

Teatro
O borrador do documento establece que se “impulsará o desenvolvemento do Consello Estatal das Artes Escénicas e Musicais e a transformación do INAEM en Axencia”. E todo isto, mentres se elabora a Lei das Artes Escénicas e Musicais, como desenvolvemento dos plans xenerais do teatro, música e danza. Os seus obxectivos pasan por dinamizar a actividades teatral e fomentar a cultura teatral, fomentar o coñecemento da realidade escénica actual, coa tradición teatral a partir do despegamento do Centro de Documentación Teatral. Outro dos obxectivos pasan por preservar o patrimonio teatral e circense español, e difundir actividades despregadas polo Centro de Documentación Teatral.

Cinematografía
A dotación do Fondo de Protección á Cinematografía será no 2009 similar ao de 2008 (88 millóns de euros) para a produción de películas. A distribución prevista da partida orzamentaria pasa polos seguintes parámetros:

-axudas á amortización de longametraxes estreados e con 12 meses de explotación comercial
-axudas sobre proxecto de longametraxes que incorporen novos realizadores, documentais, obras experimental e de decidido carácter cultural (o obxectivo é que se fagaban 15 películas de novos realizadores, 10 documentais, 10 obras de autor con interese aínda que difícil comerciaización e 8 coproducións de calidade)
- axudas selectivas á realización de curtametraxes sobre proxectos e a películas realizadas en función da súa calidade (dous millóns)
-axudas ao desenvolvemento de guións (600.000 euros)
-axudas á conservación de negativos (un millón)
- axudas selectivas a bonificación de intereses dos préstamos á produción (dous millóns e medio)
-axudas a distribución de películas comunitarias (longametraxes e curtametraxes) (dous millóns e medio de euros)
-axudas a asistencia a festivais (1.300.000 euros)
-crear liñas de axuda para que as novas tecnoloxías fagan parte da actividade cinematográfica.

Os orzamentos do 2009 tamén teñen un capítulo destinado a mellorar a exhibición: modernización das salas de cine, e fomentar os investimentos no rural. Canda isto, haberá bonificacións dos tipos de interese á exhibición e modernización das salas, axudas aos espazos que emitan cine europeo, salas rurais e con dificultades para aceder a copias de películas.

Se a produción cinematográfica é importante, tamén o é a promoción e difusión exterior, así como a recuperación, restauración, conservación e difusión do patrimonio cinematográfico, para o que o Ministerio ten previsto manteras mesmas liñas de axuda.

Encontros de profesionais, novas publicacións para dar a coñecer a actividade do ICAA, contribuír á elaboración dun estudo sobre a situación do mercado cinematográfico son outras das actividades previstas para o vindeiro ano.

Conservación e restauración de bens culturais e protección do patrimonio histórico
Plan Nacional de Catedrais, Plan Nacional de Arquitectura Defensiva, Arquitectura Relixiosa, Bens Mobiliarios, Plan Nacional de Paisaxes Culturais e o Plan Nacional de Ptrimonio Industrial son os proxectos nos que o Ministerio de Cultura iniciou noutros anos e que continuará no 2009. Entre as actividades novas dentro destes macroproxectos destaca a posta en marcha do programa de murallas urbanas (nas que se inclúe a de Lugo) que pretende asinar convenios entre varias administracións (estatal, autonómica e local) con medidas económicas e de infraestruturas de conservación e mellora destes bens.