Hoxe arranca a undécima edición do Festival de Cine Español de Málaga, o referente máis destacado do audiovisual que se produce no Estado e no que hai nutrida representación galega. A produción de Dygra O bufón e a infanta abrirá a proxección de curtametraxes a concurso. Con ela iníciase a presenza galega no festival que conta con dous traballos en sección competitiva: a última película de Xavier Bermúdez, Rafael, que foi rodada en galego, e o documental de Margarita Ledo Liste, pronunciado Líster. Ademais, haberá diferentes coproducións nos ciclos de exhibición, non competitivos, que ten programado a organización.








