Puntuación: 2.5/5 (93 votos)
Orfeo canta forma parte desa liñaxe de textos que aventuran un horizonte no que o pensamento se une á suxestión narrativa ou poética, liñaxe tan mimada ao longo dos séculos na historia literaria e unha de cuxas culminacións máis célebres podería ser o
Así falou Zaratustra de Friedrich Nietzsche, no que a filosofia convive co poema ou, dito doutro xeito, o poemático é presenza dunha indagación filosófica. Apuntando ese vieiro híbrido e difícil de categorizar, Roberto Abuín tece unha urda na que explora a raíz esencial do orfismo, navegando entre a antiga cerna mitolóxica e unha apropiación subxectiva que o autor fai do mito, encarnándoo na súa propia voz e usándoo para inserirse no impensado. En diálogo cos restos conceptuais do Zaratustra nietzschiano e coas temáticas presentes en
O espazo literario de Maurice Blanchot (noite, poesía, morte, sacrificio, amor), o libro do autor rianxeiro transcende a tese dicotómica do teórico da literatura Ihab Hassan arredor da literatura por vir, abrindo un eido para unha exploración na que nin o modernismo nin o posmodernismo establecen o seu reino teórico, senón no que habita a sinxeleza dun poder anómalo no que a escrita se funde co visionario, no que o pensar se une co narrar e no que o canto se enraíza na vida. Obra da xinea de escrituras como as de Pascal Qyignard, Maria Gabriela Llansol ou Giorgio Manganelli, escasas na nosa literatura mais que apuntan, como sempre sucedeu, cara a un territorio descoñecido no que se anticipa esa transfiguración perpetua, entre un velarse e un desvelarse, na que se fai realidade o poema.
[Nota da editorial]