Neste volume recupéranse unha serie de textos do período comprendido entre 1903 e 1923 que poden axudar a clarificar ou documentar algunhas zonas escuras da historia do teatro galego. Son un total de dezanove, de diversos autores e de diferente índole: dezaoito pezas dramáticas e unha carta incompleta de Alfonso D. R. Castelao, en que o autor rianxeiro expón o programa dunha función de Teatro de Arte. Este documento permanecía no arquivo da Fundación Vicente Risco e queremos agradecer aquí as facilidades que nos deron para a súa publicación.
Canto aos textos dramáticos, ou ben son manuscritos que permanecían inéditos, esquecidos en arquivos e/ou bibliotecas, ou ben viran a luz en publicacións periódicas de difícil acceso na actualidade. De Galo Salinas
recuperamos catro pezas que permiten matizar a evolución deste pioneiro do teatro galego: Sabela, Entre dous abismos. Os meus amores e mais Copas e bastos. O noso agradecemento ao coro coruñés Cántigas da Terra que: nos facilitou o manuscrito da última das pezas citadas.
Completan o elenco de autores Alfredo Nan de Allariz, Emiliano Balás Silva, José M. López. Castiñeiras, Salvador Cabeza de León, Manuel Posse Rodríguez, Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, José Ares Miramonte, Manuel Vidal, Manuel Rei Pose e o anónimo Nin Guén. [Texto de Lapela]