Sen dubida, o estilo do escritor irlandés Jonathan Swift, austero e directo, acada os seus mellores resultados na sátira, xénero que sempre cultivou e no cal demostrou os seus inmensos dotes imaxinativos para a crítica social.
Considerado un dos mestres da prosa en inglés e un dos máis apaixonados satirizadores da loucura e a arrogancia humanas, os seus numerosos escritos políticos, textos en prosa, cartas e poemas teñen como característica común o uso dunha linguaxe efectiva e directa, coa ironía e o sarcasmo como elementos clave no estilo da súa escritura. Entre 1724 e 1725 Swift publicou anonimamente unha serie de panfletos a favor da moeda irlandesa, como Drapier´s letters, que significaron a revogación do permiso para acuñala e, anos máis tarde, en 1729, A modest
proposal, unha humilde proposta na que ironizaba sobre a posibilidade de vender os fillos dos irlandeses pobres como alimento para os ingleses ricos, polo ben da patria e de ambas as dúas clases sociais. A proposta foi altamente criticada pola súa crueza literaria, incomodando as altas esferas da monarquía pola crítica e desaprobación que había nas políticas que levaron a Irlanda a unha situación de deplorable miseria.
Por estas obras Jonathan Swift sería considerado máis adiante como un heroe do nacionalismo irlandés. [Presentación editorial]