Puntuación: 3.1/5 (118 votos)
Retrincos da intrahistoria de Cerdedo
O CÓDIGO DA VINCHA revélase corno o testamento literario dun Cerdedo cuántico (consonte o principio de incerteza de Heisenberg) e, xa que logo, xenuinamente alternativo. O CÓDIGO DA VINCHA desenfía as coordenadas do noso mapa xenético, exhibíndonos en porrancho.
Con certeza, non atoparán este volume nas librarías do lugar, pois o de libreiro é negocio proscrito; tampouco, na biblioteca municipal, xa que é un deses libros malditos. Moito me satisfaría que O CÓDIGO DA VINCHA lucise nun escaparate de cara á estrada xeral ou de cara á rúa das Longas, por ver estimulada a curiosidade dos paseantes. Moito me satisfaría que algún dos mestres do colexio de Cerdedo escollese O CÓDIGO DA VINCHA corno lectura obrigatoria, mais a escola local ten os días contados como contados ten os alumnos.
Aquel Cerdedo louzán das cinco mil almas, das tres bandas de música e dos dous equipos de fútbol avellentou mal. Aquel vizoso Cerdedo preditatorial encama hogano a súa osame maltreita. A súa faciana amosa os efectos irreversíbeis dunha dieta pobre en calcio e as consecuencias dunha histérica e chambona cirurxía. O sancristán da crise tanxe, rnetódico, as campás a toque de defunto.
Non obstante, Cerdedo agocha en si mesmo o antídoto contra este veleno paralizante. Urxe, pois, asollalo, liberalizar a súa patente; descifrármonos novamente, redescubrirnos, estimándonos no que fomos para atinxir o que degoxamos ser. A colección "Cerdedo in the Voyager" -da que este libro fai o número 11- artella unha mensaxe identitaria ofrecida ao universo no interior dunha botella (medio chea ou a medio encher):
A esencia do noso acervo, ao socairo dos buracos negros, cara ao infinito e máis alá. O rneu laio mainiño súmase ao pranto das carpideiras que choran inconsolábeis polo rnoribundo, ao que se lle ten escolleito un ataúde de formica. Malia o anubrado porvir, comungo, ollos pechos, coa retranca dos Siniestro Total:
Juntos de la mano hacia la extinción
Cecais, mellor así, morto o can, acabouse a rabia
[Prólogo do autor]