Puntuación: 1.9/5 (86 votos)
Editorial Galaxia publica Cociñando ao pé da letra, unha orixinal proposta, a medio camiño entre a literatura e a cociña, coordinado pola poeta Yolanda Castaño e a fotógrafa Andrea Costas. Un libro que demostra que todo pode ser cociñado. Un volume para, da man dalgúns dos nosos máis sobranceiros escritores, aprendermos pratos suxestivos. Un texto para saborear as palabras ben escritas en receitas contadas doutra maneira. Un libro, en definitiva, que repara no vencello estreito entre os verbos cociñar e escribir.
En palabras de Yolanda Castaño: "Vinte e unha escritoras e escritores galegos, coa máxima diversidade en canto a sexo e xeración, xénero literario e ata zona xeográfica. Homes e mozas, rapaces, señoras, da aldea, na cidade, na costa, do interior. Son algunhas das máis representativas e puxantes voces das nosas letras actuais. Autoras de ensaio e de literatura dramática, narradores, poetas, cultivadores de literatura infantil e xuvenil. Unha variada riqueza a través de ollos multiplicados, a través de perspectivas o suficientemente plurais".
Os escritores e escritoras que cociñaron para este libro foron Anxos Sumai, Helena Villar Janeiro, Celso F. Sanmartín, Carmen Blanco, Rosa Aneiros, Lupe Gómez, Fina Casalderrey, Xavier Rodríguez Baixeras, Marga do Val, Xabier P. Docampo, Xosé María Álvarez Cáccamo, Chus Pato, Xavier Castro, Xabier Cordal, Lucía Aldao, Marica Campo, Agustín Fernández Paz, Cándido Pazó, María Reimóndez, Antón Lopo e Manuel Lourenzo.
[Presentación editorial]