Puntuación: 2.0/5 (46 votos)
"Soños de circo" é a historia dunha dobre viaxe: real e imaxinaria, unha viaxe de ida a un mundo onde ata o imposible é posible, e unha viaxe de volta ao mundo presente. Un libro que lles ofrece aos pequenos lectores a oportunidade de soñar espertos...
As protagonistas emprenden unha aventura ilusionante que acaba converténdose nun soño fantástico. A obra transpórtanos ao mundo máxico do espectáculo circense, tan atractivo para a infancia. Un soño dentro doutro soño, onde se mesturan malabaristas, pallasos e elefantes feitos de nube, con artistas e espectadores de carne e óso. Un soño que, por un momento, tamén se volve pesadelo...
A obra de Joxan Ormazabal e Iraia Okina foi galardoada en 2008 coa II Bolsa Etxepare, un certame organizado por 23 entidades locais (concellos e mancomunidades) de Navarra coa axuda de Euskarabidea/Instituto Navarro do Éuscaro, para premiar o mellor proxecto de creación dun álbum infantil nesa lingua. O xurado -formado por Manu López, Elena Odriozola, Agurtzane Villate e Xabier Etxaniz- destacou a estrutura circular de "Soños de circo", que aborda maxistralmente os medos dun neno.
Dende o punto de vista estético, a historia transcorre nun escenario minimalista, onde abundan as cores suaves e tenues, que reflicten o universo onírico do conto.
[Presentación editorial]