Puntuación: 2.2/5 (52 votos)
Algún día, quizais en pouco tempo, construirei un barco moi grande; que poida flotar como os barcos e voar como os avións, aínda que sexa un barco; que poida circular sobre a terra e baixo a auga como un barco con rodas, como unha nave mergulladora…
Un neno pensa nunha grande viaxe fantástica. Sucará o mundo, atravesará países en guerra, rescatará animais en situación de perigo... para regresar como un heroe.
Anna Castagnoli busca a precisión na palabra para transcribir o pensamento e os soños do protagonista, que habitan a imaxinación desde a infancia e que permiten construír unha realidade e defendernos dela cando non nos comprace. A viaxe, como metáfora da vida, leva ao protagonista a descubrir o mundo, e a tomar partido, resolvendo conflitos en circunstancias difíciles.
A través da imaxinación e a fantasía, este pequeno viaxeiro urde peripecias, inventa situacións e constrúe a súa identidade.
Pola súa parte, Gabriel Pacheco resolve, en clave metafórica, a idea do barco-viaxe como o vehículo fascinante onde habita a imaxinación. O obxecto, sinxelo: unha caixa de cartón baleira, que a imaxinación transforma en habitación (suxerindo espazos surrealistas); ou a nave que nos guía a través dos soños. En realidade, nunca se deixa o espazo da casa desde onde arranca a imaxinación.
O ilustrador propón escenas ailladas pero de grande unidade estética: na cor, espazo, elementos, personaxes, composición... deixando o fío narrativo no texto.
A idea é extremar a forza da palabra como tal e facer das ilustracións un espazo onde estar e onde arrincar o diálogo da lectura, abismándose na poética das palabras.
Para soster a proposta plástica, elementos como os botíns, os xoguetes do neno ou outros obxectos cotiás transformaranse ou evolucionarán en escenarios fantásticos, ofrecendo suxestións que nos axudan a entender a historia, xerando lecturas de profundidades diversas.
Unha historia emocionante que aporta mensaxes de solidariedade, esenciais para a maduración de todo individuo.
[Presentación editorial]