Esta breve achega aos efectivos da UGT e á súa distribución territorial e sectorial nos primeiros anos da 2ª República foi parte dunha Tese de Doutoramento defendida no xa lonxano 1988 na Universidade de Santiago de Compostela. O traballo fora dirixido por José Mª PALOMARES IBAÑEZ, e o tribunal que o avaliou estaba presidido por J.J. CARRERAS ARES, e formado polos profesores Xosé Ramón BARREIRO FERNANDEZ, Antonio ELORZA, Mª del Carmen FERNANDEZ CASANOVA e SANTOS JULIA, que coidaron daquela que era merecente da máxima cualificación cum laude.
Por mor de diversos avatares aparece publicada esta parte daquel traballo, con apenas modificacións, un milenio despois, coa esperanza de que sexa de utilidade para os novos investigadores e de proveito para o público en xeral interesado nestas teimas. Queremos agradecer á editorial súa boa disposición para publicar estas páxinas, e expresar a sinxela intención deste traballo: deixar testemuño certo da diversificada e senlleira presenza da organización uxetista entre os movementos sociais e políticos que abrollaron naquela conxuntura dos primeiros anos 30. Tempos aqueles vividos por moitos afiliados e simpatizantes coa arela de mellorar as súas condicións de vida e traballo. [Nota do autor]