Bieito Ledo, director de Ir Indo Edicións, toma por primeira vez a pluma, trastocando o seu papel de editor polo outro lado do mundo literario, presentándonos a súa inédita faceta de escritor. Na súa ópera prima, Ledo desenvolve un conxunto de historias, anécdotas, e livianos contos, dotados dunha lectura sinxela e suave no que se nos mergulla por obra do estilo directo e austero dun escritor sen ínfulas de divo, senón tomando o rol dun contador de historias, oficio vello e nobre do coro tradicional das aldeas galegas. Esta obra cativa recolle diferentes vivencias plasmadas coma un conxunto de narracións sen orde nen estructura, pero cun nexo de unión clave: o punto de vista do autor, que nos presenta as súas reflexións dende a súa experiencia vital, o seu profundo saber, e toda una resabiada visión do mundo, ora en forma de chanza, ora en forma de profunda serenidade. [Presentación editorial]