Puntuación: 2.4/5 (45 votos)
Sotelo Blanco Edicións publica, na súa colección de narrativa, O Perfume, de Patrick Süskind, traducida do alemán por Luís Fernández Rodríguez coincidindo coa estrea da película.
No século XVIII, durante o reinado do Rei Sol, nace en París Jean-Baptiste Grenouille, o nariz máis prodixioso da historia. Grenouille non descansará ata converterse, en primeiro lugar, no mellor perfumista da súa época; e máis adiante, na procura do Gran Perfume, do Perfume Absoluto, non dubidará en recorrer ao asasinato en serie das máis fermosas rapazas para tirarlles o segredo do seu atractivo, aquilo que as volve irresistibles: o seu recendo persoal.
En 1985, ano da publicación d’O perfume, a obra de Patrick Süskind acadou un rápido e clamoroso éxito só comparable ao que poucos anos antes colleitara Umberto Eco con O nome da rosa. As dúas obras combinan, nunha fórmula semellante, a novela histórica e o relato policial.
Aínda na actualidade O perfume segue a gozar do favor dos lectores, como o demostra a recente estrea da versión cinematográfica. A súa incuestionable calidade literaria sitúa a obra de Patrick Süskind entre os escasos best-sellers europeos de éxito permanente.
[Presentación editorial]