Puntuación: 2.4/5 (60 votos)
Dende neno, Arturo Fra convive cun aviso definitivo: a morte agárdao en mércores. Un adiviño con habilidades de practicante e unha fermosa bruxa de ollos verdes confirman o veredicto. Esta certeza, no canto de tranquilizalo, transforma a anódina vida de Fra nunha alarma permanente. As súas relacións afectivas esmorecen e os proxectos de futuro perden importancia ante a revelación do día definitivo. Nin a súa metafísica moza Elvira nin a longuísima oración escrita pola súa nai, Lola, o darán librado da lagoa na que se funde cada vez que se achega un mércores e, con el, o posible final. Mentres agarda a resolución do seu particular enigma, Fra escolle unha profesión propicia ao silencio e á meditación: bibliotecario. Nas súas longas horas de labor, rodeado duns compañeiros moi particulares, reflexiona sobre a estraña brincadeira que lle reserva o destino e imaxina unha vida sen data de sentenza.
E segue a agardar.
O xurado do Premio Risco de Creación Literaria destacou como principais virtudes da obra a narración áxil, sobria, intelixente, que atrae dende o principio e que consegue, con esa capacidade descriptiva minimalista, captar o interese do lector dende o principio con esa personaxe complexa, anódina, pero de grande riqueza interior.
[Presentación editorial]