Os xacementos arqueolóxicos, salvo algunha excepción, son aínda os grandes descoñecidos do turismo cultural; en parte motivado polo receo ao descoñecido, e en parte é provocado tamén pola percepción raiana co esotérico que teñen os restos do pasado máis remoto para algunhas persoas. Compre romper con esa tendencia, sen pretender —nin desexalo, polos propios riscos que leva— que a visita aos xacementos arqueolóxicos se converta nun turismo de masas.
Esta guía non vai dirixida aos profesionais ou afeccionados á arqueoloxía, senón, sobre todo, ao viaxeiro e excursionista que ten a necesidade de iniciarse en itinerarios alternativos e de coñecer cousas novas. O viaxeiro ou visitante tipo do xacemento arqueolóxico pode ser aquel que gusta da natureza, do silencio dos montes, de eludir o turismo de masas, que ten inquedanzas polo pasado, e que pretende compensar o modelo de turismo cultural dominante con alternativas menos coñecidas.
[Presentación editorial]