Puntuación: 2.0/5 (72 votos)
Don Vermiño propuxérase percorrer os cinco metros que separaban a laranxeira do limoeiro. De camiño unha pulga, unha formiga, unha xoaniña, unha tesoiriña e un grilo deciden acompañalo. E ao chegar ao seu destino, Don Vermiño seguiu só, e apareceu unha temible avespa...
Paula Carbonell parte de recursos formulísticos propios da tradición oral, como a utilización de estruturas acumulativas e a repetición de acontecementos, que propician e facilitan a memorización do texto. Empregando esta base, creou un conto sinxelo en aparencia pero que ten tamén unha segunda lectura. O percorrido que a eiruga fai da laranxeira ao limoeiro, á que se van sumando distintos compañeiros de viaxe, acaba sendo unha metáfora da propia vida: o cambio dun estado a outro, no que van aparecendo amigos, inimigos, conflitos que só se
poden superar coa solidariedade e, finalmente, o amor.
Chené acompasa o texto cunhas ilustracións frescas, cuns debuxos sinxelos pero de gran riqueza expresiva, grazas a una brillante combinación de técnicas. Consegue fuxir do cliché de insectos que todos temos no noso imaxinario colectivo. As imaxes están cheas de ritmo: nos personaxes, na continuidade das secuencias e na paleta de cores empregados, cores naturais nada convencionais.
Neste seu segundo álbum ilustrado, Chené afianza un estilo propio, sintético e moi particular que constrúe escenarios cos mínimos elementos necesarios.
Presentación editorial