Puntuación: 2.0/5 (41 votos)
E no autorretrato do León, podemos deducir que foi Durero o seu mestre?
Con esta iniciativa, Svjetlan Junakovic proponnos un xogo entre a fantasía e a realidade, unha particular galería na que os animais ocupan un protagonismo na arte ata o de agora descoñecido.
Compartir o gusto pola pintura cos máis cativos, abrir xanelas cara á arte, romper as barreiras e afrontar un retrato clásico cos máis pequenos... son algúns dos obxectivos que presenta este libro, co que OQO Editora se achega ao mundo da arte, en concreto á pintura, nesta primeira entrega da nova colección OQart.
"Gran libro dos retratos de animais" foi concibido por Svjetlan Junakovic e OQO Editora para testemuñar que, ao longo da historia, os animais, vestidos coas súas mellores prendas, posaron para os máis considerados retratistas.
Lonxe dos manuais de historia da arte convencionais, a verosimilitude dos retratados e as explicacións aportadas aos cadros que o ilustrador croata presenta neste libro, xogan cunha base histórica, respectada até o detalle, na que os animais fanse os verdadeiros protagonistas. As explicacións que acompañan á obra, ofrecen información sobre a época, o contexto, o artista, o animal retratado... que serán pistas clave para quen desexe afondar no coñecemento dos cadros orixinais, punto de inspiración e partida dos retratos.
Svjetlan Junakovic fai esta selección respondendo ás esixencias teóricas e prácticas das diferentes épocas (canones de beleza animal, costumes sociais, condicións de construción da imaxe no espazo...).
Cunha proposta lúdica e suxestiva, o autor advírtenos de que calquera semellanza con algúns dos máis famosos retratos do xénero humano será puramente casual, pero... non podemos recoñecer no rostro fuxidío e indescifrábel da Armiño á Dama... de Leonardo da Vinci? Que agacga o crime do polo na bañeira? Aque se dirixe a carta que está escribindo? Ten este polo algo que ver co revolucionario Marat, asasinado en circunstancias similares? Morte e beleza envólvense nunha mesma túnica de enigma e misterio...
Estas e outras cuestións nunca resoltas na súa totalidade espertarán a curiosidade do observador, nunha galería moi especial descoñecida ata o momento no mundo da arte. Abonda con saber que un día existiron.
[Presentación editorial]