Puntuación: 2.3/5 (52 votos)
A presente obra estuda as figuras de Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Ríos, dous educadores galegos (pedagogo ourensán o primeiro, e mestre silledán o segundo) emigrados á Arxentina de entreséculos.
Ares de Parga faino na década dos noventa do século XIX e Alonso Ríos unha xeración despois, é dicir, a finais da primeira década do XX. E ao tempo que realizaban labores profesionais integrados no sistema educativo arxentino, ambos desenvolveron unha intensa actividade social e cultural en Buenos Aires, capital de acollida, dentro dos ambientes da diáspora galega, en especial entre as sociedades de instrución.
O labor profesional proporcionoulles a oportunidade de coñecer e experimentar aspectos fundamentais dun modelo educativo que nada tiña que ver coa experiencia escolar vivida na infancia. A súa sensibilidade como educadores, o seu compromiso político con Galicia e a vocación de líderes entre a colectividade fixo que toda esa rica bagaxe cultural e educativa, adaptada á realidade galega, fora tomando corpo en diferentes proxectos. Así, coas lóxicas singularidades que adoptou cada un deles, o modelo americano foise espallando polo Val Miñor, as terras de Deza e Trasdeza ou o Baixo Miño.
En cada caso, Ares de Parga e Alonso Ríos foron os seus asesores, os seus impulsores e as persoas que deron canle intelectual, desde as súas cotas de influencia social e desde os seus idearios pedagóxicos, ás ansias de desenvolvemento e emancipación que latexaba no corazón de moitos galegos; aqueles que mediante a creación de escolas nos seus pobos de orixe pretendían desenvolver un modelo educativo inspirado no arxentino (laico, democrático, universal), que promovera a emancipación do individuo mediante a educación integral nun necesario cambio de súbdito a cidadán; que fixera da educación unha prioridade para acabar coa ignorancia e a resignación; que convertera a Galicia nunha terra de oportunidades e evitara, en definitiva, ás futuras xeracións o éxodo migratorio que eles padeceron. Una pequeña "revolución" pedagóxica na atrasada Galicia de comezos do século XX, que había poñer fin o golpe militar do 36 e a posterior guerra civil.
[Contracapa do libro]