Puntuación: 1.9/5 (41 votos)
“Un intento de facer, con elementos surrealistas, unha poetización desta sociedade de consumo na que vivimos”.
Así resume a obra o propio autor, Manuel María. O poeta escribiu este poemario en 1978 e saíu publicado por vez primeira en Alvarellos Editora ao ano seguinte, en febreiro. O Catavento de neutrós domesticados é un libro sorprendente, innovador e anticipador. Un dos títulos históricos do primeiro catálogo desta editorial que, tres décadas despois da súa aparición, cumpría recuperar.
A obra destila altas doses de inconformismo, retranca, desacougo e caos. Transcorre entre o íntimo e o social. Nela emerxen verdadeiros achádegos semánticos nun altísimo dominio do idioma.
Manuel María foi un dos poetas galegos máis importentes do século XX, autor dunha das obras máis inxentes da nosa literatura (con máis de medio cento de volumes publicados, esencialmente poemas, mais ´tamén ensaio, narrativa ou teatro).
A presente edición mantén a portada orixinal de 1979 coas ilustracións interiores de Xohán Clodio, e complétase cun amplo e documentado estudo por parte do profesor e escritor Camilo Gómez Torres, un profundo coñecedor da obra de Manuel María, a quen cualifica de “autor total”.
[Contracapa do libro]