Puntuación: 2.2/5 (44 votos)
Begoña Soneira Beloso, Marín 1976, licenciada en Filoloxía Inglesa, noviña como é, está sendo xa unha referencia para coñecer dende Galiza datos estructurais do devir do deseño e da arquitectura. Primeiro foi o seu estudo sobre o deseño e os deseñadores en Milán centrado na figura de Tomás Maldonado (Caderno 9 do L.F.); logo a visión do drama dos arquitectos na Guerra Civil e no exilio, (número 200 da serie Documentos), e agora este estudo sobre o arquitecto Candeira. Trátase pois dunha rara avis no noso panorama sobre estos temas tan caros para o Laboratorio de Formas -lástima que non teñamos a Luis Seoane con nós-, mais é unha sorte tela traballando a carón.
Constantino Candeira era un arquitecto que pasou por Santiago de Compostela, case en puntillas, durante poucos anos e que deixou un arrecendo de saber onde estar e de saber por onde ir. Foise de Santiago porque o levou a Valladolid unha, sen dúbida, encantadora vallisoletana, e quen sabe se houbo atrancos que poido ter en Compostela para aceptar o cambio. Certo que non se sabe que sorte correría se no ano 36 se atopara en Santiago, sorte que outros membros do Seminario de Estudos Galegos correron porque Candeira foi membro desta institución, expoliada en xullo do 36 no que se perdeu o seu discurso de ingreso, discurso que Otero Pedrayo consideraba excepcional sobre o coñecemento do barroco compostelán. Constantino Candeira tiña por demáis boa vinculación con persoas comprometidas, como Rafael Dieste, que padeceron o exilio, e tamén era amigo de meu pai que acadara unha sorte peor.
Meu proxenitor era o delineante municipal e tiña trato diario con Candeira no estudo de arquitectura que tiña no Concello. Con frecuencia viña polo taller de escenografía de meu pai. Eu o recordo perfectamente axudándolle a resolver problemas de perspectiva sobre os telóns escenográficos de papel tendidos no chan. Aínda estabamos nos tempos do puro teatro a la italiana do que aínda non nos temos desvencellado. Por conversas que escoitaba na casa meu pai o admiraba moito e recordo os seus lamentos cando se foi para Valladolid.
Velahí fica esa Praza da Quintana dos Mortos con esa limpeza arquitectónica coa que a restaurou que non é posible ver ou falar deste recinto de tan fondo significado, sen recordar ó arquitecto Constantino Candeira.
I.D.P.
[Contracapa do libro]