Puntuación: 1.8/5 (37 votos)
Rato solteiro era leñador. Un día, unha rapaza invitouno a comer e desafiouno a unha carreira: "se me pillas, caso contigo". Cando xa estaba a piques de atrapala, a rapaza tirouse ao río e Rato foi detrás. No fondo do río, un mundo marabilloso agachaba á Raíña das Augas e unha, dúas, tres...quen sabe cantas princesas fermosas, todas iguais! Como ía recoñecer o pretendente a súa prometida?
Tanto na tradición europea como na africana, un motivo que aparece con moita frecuencia é a axuda dos animais para superar probas ou desempeñar tarefas esixidas polos reis ou superiores. Os animais (paxaros, formigas, abellóns...) compórtanse de xeito servicial, recompensando a bondade dos protagonistas. Neste, caso unha abella, agradecida pola comida, axudará a Rato a recoñecer a moza. Esta mesma proba coñece un interesante paralelo nun conto popular español recollido por José María Guelbenzu. Neste caso será unha mosca quen axuda a un cociñeiro a recoñecer a princesa, entre vinte e unha irmás.
Tamén é común neste esquema a figura do impostor que pretende, escondendo a súa verdadeira identidade, o recoñecemento como heroe ou acadar o mesmo éxito.
Neste caso é un coello quen pretende o mesmo destino que o Rato; pero o "burlador" non será quen de gañar a gratitude da abella e, aínda que a súa astucia fará que se libre dun fatal castigo, a ambición e o en gano levarano a un desenlace que liga coa tradición africana dos contos que pretenden explicar a orixe das cousas, riscos de comportamento e a relación entre os animais... Por que ao coello Ile tremelica sempre o fociño?
Así mesmo, a presenza dun mundo paralelo debaixo das augas destaca, dentro dun marco comparativo, como o reflexo das crenzas de moitos pobos. A pesar deste carácter híbrido e tradicional e sen falsear esta perspectiva, Rato solteiro presenta unha revisión actual do texto e unha mestura de humor e realismo que achega a narración ao mundo cotiá.
A nivel plástico, no conto represéntanse dous mundos, terrestre e acuático, en dous escenarios distintos unidos entre si. No mundo submarino, Marta Torrao reflicte un ambiente fantástico recreando un imaxinario máxico, mentres que no terrestre a realidade amósase de xeito máis convencional. Esta ambivalencia aparece tamén na gama cromática empregada.
[Presentación editorial]