Puntuación: 1.6/5 (29 votos)
Coa publicación do libro "Asociacionismo agrario en Oleiros ata a Guerra Civil", do que é autor Miguel Cabo Villaverde, a colección Cadernos de Estudios Oleirenses prosegue a súa andaina, iniciada cos títulos "Asociacionismo e movemento obreiro en Oleiros (1900-1936)"; "Juana de Vega, entre Acevedo y San Pedro de Nós.Vida y obra de una mujer ejemplar"; "A loita pola terra nas Mariñas. Das axitacións antiseñoriais á resistencia antiforista"; "La fabricación de loza fina en la parroquia de Dorneda (1799-1812)"; "A Ría da Pasaxe nos séculos XVI ó XVIII. A sociedade"; "Club Deportivo Obrero:75 anos de historia" e "A Fábrica de Perillo 1905-2005".
A colección Cadernos de Estudios Oleirenses abarca cun marcado carácter divulgativo diversos aspectos relacionados coa riqueza que o concello coruñés de Oleiros atesoura desde o punto de vista da súa historia social, económica, cultural e política, centrándose en temas como o seu pasado e historia, agrarismo, movemento asociativo, arquitecturas civil e religiosa ou senlleiros persoeiros que neste concello naceron ou onde desenvolveron parte ou a totalidade do seu labor, entre outros.
Nas páxinas do traballo que ofrecemos nesta ocasión, volume VIII da colección, ponse en relación o desenvolvemento de diferentes formas de asociación en Oleiros coas dinámicas da Galiza do primeiro tercio do século XX, e a través del comprender cómo se exercia o poder locar na época da Restauración, a andaina da anarquista Unión Campesina ou as peculiaridades das modestas mutuas gandeiras como valioso exemplo de organización colectiva.
É autor do libro Miguel Cabo Villaverde, licenciado en Xeografia e Historia e doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago. Ten realizado estadías de investigación nas universidades de Bielefeld (Alemaña), Bolonia (Italia) e Wageningen (Países Baixos). Actualmente é profesor titular no Departamento de Historia Contemporánea e de América na USC.
Especializado en temas de historia social, de entre as súas publicacións cómpre salientar "O Agrarismo" ( 1998); "A Estación de Fitopatoloxía Agrícola da Coruña 1926-1951" (1999); "Prensa agraria en Galicia" (2003); "Quelle nation dans les campagnes? État et "nation- building" en Espagne, un débat ouvert" (en J. L. Mayaud e R. Lutz, Histoire de I ´Europe rurale contemporaine : du village a I ´Etat, 2006), e "Agrarian conflict in Galicia and Ireland 1850 -1950" (en Galicia- Irlanda: dúas fisterras europeas, en prensa).
Forma parte dos consellos de redacción das revistas Ingenium e Historia Agraria.
[Nota do editor]