Puntuación: 2.1/5 (44 votos)
Reunimos neste volume a obra galega de Xosé Otero Espasandín que, non é, se cadra, a súa obra completa en galego porque sen dúbida, por unha banda, algúns dos seus textos poden estar aínda á espera de ser rescatados das páxinas dalgunha revista ou xornal -dos moitos nos que colaborou ao longo da súa vida- e, pola outra, porque quizais un día aparezan os desaparecidos poemas que habían de formar parte do poemario Alfabeto. Con todo, recollemos aquí a mostra máis completa de todos os seus poemas e mais das súas prosas que ata o día de hoxe se publicara.
Reproducimos tanto os poemas como os varios artigos sen intervir no texto; isto é, tal e como foron publicados nas diferentes páxinas de prensa de onde os recollemos.
Ademais, inserimos a modo de apéndice varias das súas cartas, algunhas, como a correspondencia cos irmáns Dieste e Carmen Muñoz, xa editadas -neste caso concreto por Xosé Luís Axeitos en varias entregas no Boletín Galego de Literatura e mais por María Díaz Rey- e outras inéditas ata este momento, entre as que sobrancean as que intercambiou con Francisco Fernández del Riego. Incluímos tamén aquelas que dirixiu a algúns dos seus conveciños de Castro (Cerdedo) como Manuel Monteagudo Ruzo ou como Taboada e a súa filla Herminia, antigo veciño de Castro que tamén emigrou aos Estados Unidos. Estas últimas permítennos achegarnos un pouco máis á vida de Xosé Otero Espasandín, matemático, profesor e poeta que hoxe recupera nestas páxinas, por fin, parte do seu degorado Alfabeto.
[Criterios de edición]