"Dicir unha razón" é un poemario imprescindible para a cabal comprensión de todo o cosmos poético de Arcadio López-Casanova. Amósanse aquí as chaves mestras da súa creación, a súa concepción teórica do fenómeno lírico decantada en versos, as súas lecturas e preferencias literarias condensadas en glosas. Nada mellor que entrar nestas páxinas con ollos abertos ao misterio dos sentidos e o maxisterio da palabra. A viaxe que esta varia silva promete non ha defraudar a quen con ela se atreva, pois o seu temoeiro é piloto experimentado, ten memoria dunha idade, palabra de honor, é dominador dos mesteres todos, das liturxias do corpo e as esperanzas presentidas nas noites do degaro. [Lapela do libro]