Puntuación: 2.7/5 (53 votos)
Einar Már Gudmundsson (Reykjavík, 1954) é un dos máis sobresaíntes autores da literatura islandesa actual, e tamén o máis traducido. Formouse en Literatura Comparada e Historia na Universidade de Islandia, e completou posteriormente os seus estudos literarios en Dinamarca. Comezou a súa carreira como escritor en 1980 co poemario Er nokkur kórónafötum hér inni? ("Algún de vós leva roupa da marca Kóróna?") e dous anos máis tarde publicou a súa primeira novela, Riddarar hringstigans ("Os cabaleiros da escaleira de caracol"). Leva recibidos numerosos premios, entre eles o Premio Literario do Consello Nórdico por Anxos do Universo. Xunto a Fridrik Thór Fridriksson escribiu o guión para a película baseada en "Anxos do Universo", ademais do guión de Börn Nátturunnar ("Fillos da Natureza"), filme nominado para os Oscar en 1992.
"Se cadra así poden escribir os poetas. Se cadra así poden falar os filósofos. Mais nós, os que estamos encerrados en asilos e internados en institucións, non temos resposta ningunha cando as nosas ideas non cadran coa realidade, pois no noso mundo son outros os que teñen a razón e coñecen a diferenza entre o ben e o mal."
A cabalo entre a ficción e a biografía do propio irmán do autor, "Anxos do universo" narra a transformación de Páll, un mozo islandés, cando comeza a desenvolver unha enfermidade mental que acabará coa súa vida. Gudmundsson aborda este tema tan delicado como aterrador cunha elegancia e un lirismo excepcionais. O seu estilo é sinxelo e cotián, e as súas imaxes permítenlle ao lector entrar nunha atmosfera na que a máis crúa realidade se mestura coa loucura. A sobriedade islandesa adquire tintas de realismo máxico ao tempo que o autor retrata esta sociedade e critica a súa hipocrisía egoísta e clasista, na que o protagonista non dá atopado o seu lugar. Na literatura herdeira das sagas xorde un protagonista inusual, privado do dereito a elixir o seu destino, mais que loita por levar a súa vida ao seu xeito, aínda que a súa historia, de principio a fin, semelle que non foi máis cá brétema dun soño.
[Presentación editorial]