Puntuación: 1.9/5 (45 votos)
A paixón do escritor pola literatura amósase tamén na súa paixón pola lectura. Neste libro de ensaios sobre estética e liberdade na literatura, Xosé Carlos Caneiro define o seu propio territorio literario, comparte cos lectores e lectoras todo un universo de lecturas, autores e personaxes, precisamente aqueles que configuran o que Caneiro define como "literatura a contracorrente". Fronte á "ditadura do simplismo", Os dominios de Caín constitúen unha defensa da literatura como maneira de entender a vida. O libro é unha interesante e polémica reflexión sobre o destino da literatura, sobre a función do escritor e a arte literaria, sobre as relacións entre estética e mercado e sobre a literatura como liberación.
Os dominios de Caín son unha lectura orixinal, persoal, non exenta de paixón, da tradición literaria, unha tradición na que, para Xosé Carlos Caneiro, Joyce comparte espazo con Otero Pedrayo, Borges con Risco e Cunqueiro con Cela. Un libro para gozar da literatura, para intentar comprendela, para abranguela na súa complexidade pero, sobre todo, para incitar a ler máis.
[Presentación editorial]