No mes de marzo do ano 2001 as edificacións das rúas Hospital e Tabares da cidade da Coruña foron derrubadas por máquinas de dentes de ferro que levantaron unha poeira que cubriu o barrio enteiro. Durante as semanas anteriores e nos días que duraron os traballos de demolición, Maribel Longueira permaneceu atenta, rexistrando coa cámara as paredes e a súa caída; e tamén os cascallos, anacos dun tempo perdido nos que se podía presentir o que albergaron durante anos os andares e os cuartos dos edificios agora arruinados: os berros e saloucos de pracer e de sufrimento, a sensualidade, se cadra a ledicia, seguro que a tristeza... A realidade controvertida dun comercio protagonizado polos corpos das mulleres e do que eran testemuñas as paredes vencidas e os obxectos espallados entre o po e a lama.
En principio soa, máis tarde coa complicidade da escritora Luísa Villalta, artellou unha historia sobre a memoria dunha arquitectura xa desaparecida, o denominado barrio do Papagaio, semellante aos que existiron e aínda existen noutras cidades do mundo. [Presentación editorial]