Puntuación: 1.9/5 (45 votos)
Na colección Dombate publícase "Cabalgada na brétema" , novo poemario de Darío Xohán Cabana. O recén nomeado académico achéganos neste libro ao alento comunal e á memoria persoal, alicerces dun mundo literario que se expresa a través dunha palabra poética intensa e inesgotable.
Melancolía, historia e terra forman a paisaxe sobre a que Darío Xohán Cabana traza un itinerario no que un rei se libra das cadeas con que o enterraron hai mil anos, un labrador antifranquista lembra os fríos de Teruel e un poeta olla a nación cunha intensidade que soamente pode responder á verdade da estirpe. Cabalgada na brétema está escrito co pulo de quen inicia unha obra coa forza do primixenio e recolle as tensións da fala colectiva, da cultura e da historia do país.
O poeta presta a voz a persoasque existiron, que se encarnan nos versos e fan sentir a súa verdade. Unha visión colectiva que sitúa Cabalgada na brétema no contexto preciso, na encrucillada na que clase, nación e estirpe conflúen para dar orixe a unha palabra poética senlleira e persoal, sempre unida á memoria comunal e ás obsesións persoais que acompañan o escritor en toda a súa obra.
[Presentación editorial]