Puntuación: 2.0/5 (49 votos)
A Princesa do Caurel é un acumulativo clásico, adaptado no desenlace e na forma de presentación, que recolle os elementos máis típicos das series que aparecen en Europa:
gato, can, pau, lume, auga...Con este tipo de contos, os nenos aprenden a ver relacións,
a establecer conexións, xeneralizacións e predicións. Parte da presentación do personaxe que Ile dá título á obra, e un acontecemento narrado cunha frase breve. "Esta é a pega que roubou o anel da princesa do Caurel".
A esta acción irán engadíndose, dun xeito matemático, outras novas. O elemento desaparecido constitúe o fío condutor da historia e propicia un desenlace feliz, pechando o ciclo de maneira circular e restablecendo a orde do principio do conto: "Este é pastor que atopou o anel e gañou un bico da Princesa do Caurel". A repetición de sucesos propiciará tamén a memorización do texto. En moitas versións, o acumulativo remata coa representación da morte en variadas formas (coitelo, carniceiro...). Similares son as series atopadas noutros contos de fórmula que aparecen no norte de Europa: cofre, chave, corda, rato, gato, pau, machada, ferreiro...
En todos eles, a rapidez da acción facilita o seguimento da secuencia; ademais, o rápido transcurso dos acontecementos é presentado nunha estrutura que xoga coa curiosidade do receptor, para atraer o interese ao máximo e favorecer o desenvolvemento da comprensión, imaxinación e sentido da estética.
Javier Solchaga ofrécenos unha especial proposta de ilustración tridimensional, elaborada a partir de elementos reciclados (botellas, madeira, pedras, arame...). O xogo compositivo e de iluminación co que nos sorprende a fotografía, aporta un valor engadido ao libro.
O ilustrador presenta obxectos e personaxes (anel, pano, pau...) desde un ángulo imposible, para que o lector tente adiviñar o suxeito protagonista da seguinte acción. Texto e imaxe compleméntanse nun conto que revela outros puntos de vista e esperta a imaxinación dos máis pequenos.
[Presentación editorial]