Puntuación: 2.1/5 (53 votos)
Etgar Keret (Tel Aviv, 1967) é un dos escritores máis populares entre a mocidade de Israel. Combina a escritura co seu traballo de profesor no departamento de cine da universidade de Tel Aviv e a dirección cinematográfica. A súa obra literaria traduciuse a 16 linguas e filmáronse máis de 40 curtametraxes baseadas nas súas historias. É descrito como a voz hippy e posmoderna da sociedade israelí contemporánea, un pobo no que xentes da mesma idade poden ser soldados, relixiosos ultraortodoxos, árabes-israelís ou inmigrantes que acaban de chegar. Os seus escritos son unha porta aberta ao diálogo con todos eses grupos tan diferentes, e quizais esa sexa a base dun éxito que logrou impoñerse a autores consagrados mundialmente como Amos Oz ou A. B. Yeoshua. Porén, Etgar Keret sufriu a acusación de contribuír a que os mozos israelís empreguen unha linguaxe pobre e chea de referencias á violencia e ao sexo, amais de ser calificado de antisemita no parlamento do seu país.
O condutor de autobús que quería ser Deus (Ha-kaitanah shel Kneller) publicouse por primeira vez en hebreo en 1998. Nos catro contos e a novela curta que compoñen o libro, o autor escribe, cun sentido do humor absurdo e cheo de ironía, as historias de xentes confusas e deliberadamente non épicas que viven no contorno de Tel Aviv.
“É unha colección brillante, atractiva e divertida ata o punto de provocar bágoas, e triste ata o punto de provocar a risa. Na obra reflíctese a ambivalencia da sociedade de Tel Aviv nos temas tratados, así como na lingua que se emprega.”
Yediot Aharonot
[Presentación editorial]