Porque desde hai xa un tempo a poesia de Miguel Sande renunciou ás palavras emprestadas, a calquer xogo -venecianista, experimentalista-, e avanza por un camiño próprio, diferente, que xa non é o de "Como a nudez escura da auga" (1986) nen o de "A traxectoria caótica do péndulo" (1992), ainda que non sexan estes livros de nengunha mane ira rexeitáveis. Mais si parece considerá-los como algo en certa medida alleo o autor, consciente de que con "A palabra soterrada (poemas do deserto)" (1994) está a adentrarse nun novo território. Quizais por iso quixo que esas palavras que aletexan un momento e toman axiña a ser matéria mineral acompañen as desta nova obra, "Hoxe, que vén o vento do sur". Como restos e rastos que son tamén pistas para o viaxeiro-leitor, se cadra extraviado, ou un pouco desorientado, neste mundo esencializado, por vezes hermético, mais que ao cabo fala tamén de cada un de nós. [Fragmento das Notas á Edición de Pilar Pallarés]