Puntuación: 1.9/5 (83 votos)
"As vilas mudan co paso dos anos.
Don Gabino veu un día e quedouse.
Raimundo, o fillo de Casilda, marchou camiño da América.
Tina a dos Sensabores tamén marchou.
O bo de Ramiro seguiu o seu camiño, pero ha de volver.
O mouro Alberte espertou dun sono de trecentos vinte e sete anos e saíu a coñecer os seus veciños.
María, de pouco e pouco, sabendo esperar, sabendo ter paciencia, acabou de tecer o seu soño.
Andrea, que veu de lonxe, tivo un soño, un soño moi bonito que ao primeiro era dela, pero que agora é de todos."
A escrita de Daniel Ameixeiro podería ser definida como dunha "complicada sinxeleza". Sinxeleza que é o resultado dun xeneroso esforzo cara ao lector para tentar proporcionarlle a esencia do texto, unha vez eliminados os detalles que poden chegar a eclipsar o carácter evocador das palabras.
Este estilo literario, caracterizado pola concisión e pola suxestión, é resultado dunha madurez creativa que só se consegue entendendo a Literatura como paixón e como arte da palabra.
Vila Cerdeira é un escenario universal, en que a Imaxinación se pon ao servizo de todo aquilo que conservamos tanto na memoria do coñecemento coma na do sentimento.
[Lapela do libro]