Puntuación: 1.9/5 (41 votos)
Paco Martín publica un novo libro no que quere recuperar o pracer de contar. En “A bisneta lercha” reelabora tres relatos fundamentais da tradición literaria europea, volve ao conto popular devolvéndolle o seu sabor primixenio. Narracións que antes eran para todos os públicos e que logo foron adaptadas para os nenos, volven agora da man de Paco Martín, que as recrea prescindindo do politicamente correcto e lles insufla o alento de hoxe.
Os contos da tradición popular, que logo serían adaptados para o público infantil, volven agora aos lectores e lectoras de hoxe para recuperar con eles a curiosidade e a ledicia das primeiras lecturas. Paco Martín, que foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 1986 co inesquecible “Das cousas de Ramón Lamote”, pon en xogo toda a súa sabedoría narradora para reelaborar dende a Galicia de hoxe, e para quen guste da literatura sen filtros, contos coma “A Carrapuchiña Vermella”, “O parrulo feo” e “O gato con botas”. Contos para todo tipo de lectores que o escritor galego actualiza e nos devolve con azos novos, sen perderen a forza e a maxia literaria que os fixo permanecer na lembranza de milleiros e milleiros de lectores e lectoras.
Un libro no que xorde o gusto polo relato e a herdanza da imaxinación. Contos que se transforman e retornan cunha nova voz e faciana fresca. En “A bisneta lercha”, Paco Martín, un dos nosos grandes contadores de historias, propón un xogo narrativo cos contos de sempre, que renacen hoxe, mantendo a lembranza do que foron e adiantando a ilusión do que, no futuro, han ser.
[Presentación editorial]