Puntuación: 2.0/5 (58 votos)
Unha das noticias literarias do ano, a nivel mundial, é o achado e publicación dunha novela inédita de Truman Capote titulada "Cruceiro de verán". Escrita en 1943, o autor norteamericano traballaría nela durante unha década para, finalmente, deixala rematada pero sen chegar a publicala nunca. Editorial Galaxia edítaa agora en galego, poucos meses despois de que aparecera a edición en inglés e ó mesmo tempo que se publica en toda Europa.
No ano 1966, Truman Capote, levado polo recente éxito da súa novela "In Cold Blood", abandona o seu piso nun soto de Brooklyn deixando nel unha caixa con diversos papeis que o porteiro do edificio rescata do lixo e conserva ata a súa morte. No outono de 2004, esa caixa é depositada na casa de poxas Sotheby´s para venderen o seu contido e descóbrese que nela hai varios cadernos co manuscrito dunha novela inédita titulada "Cruceiro de verán".
Truman Capote traballou en "Cruceiro de verán" durante unha década, ao longo da cal abandonaría e retomaría a novela varias veces. O libro, que se desenvolve en Nova York xusto despois da Segunda Guerra Mundial, conta a historia de Grady McNeil, unha rapaza de dezasete anos que convence aos seus pais para que a deixen pasar soa o verán mentres eles viaxan a Europa nun cruceiro. Grady, que forma parte da burguesía podente, agáchalles que en realidade está a vivir unha relación amorosa cun veterano de guerra de orixe xudía que traballa nun aparcamento.
[Presentación editorial]