O concepto de amor trobadoresco, tal e como o concibiron os estudosos da lírica galegoportuguesa, baséase no cumprimento dun estrito código de comportamento, que lle esixe ao namorado un alto grao de perfección moral. Porén, esta mesma doutrina, que adoita denominarse fin´ amors ou amor cortés, foi posta en cuestión dende os inicios da tradición lírica galego-portuguesa e conviviu coa súa inversión satírica, na que o sentimento amoroso se convertía en sexo e o erotismo en obscenidade. A confluencia destas dúas vertentes desembocou na elaboración dunha serie de composicións, que aproveitaban os recursos expresivos das cantigas de amor e de amigo para parodiar a propia esencia da doutrina cortés.
O presente traballo céntrase nese feixe de pezas paródicas, que a crítica deu en denominar, con non excesivo acerto, escarnios de amor e escarnios de amigo. O seu estudo e o do seu léxico revela a extrema complexidade da lírica galego-portuguesa, así como a riqueza de matices que ofrece a nosa lírica medieval, cuxa polisemia permite a expresión conxunta de sufrimento e burla, de amor e escarnio.
[Lapela do libro]