Julio Cortázar (Bruxelas 1914- París 1984), mantivo unha intensa relación cos galegos, en particular cos galegos exiliados que, nos anos que seguiron á Guerra Civil, escolleron Buenos Aires como lugar no que vivir. Este contacto, que se mantivo no tempo, enriquecido e ampliado durante os anos de París, afirmouse aínda máis dende o momento no que Cortázar contrae matrimonio con Aurora Bernárdez, filla de galegos emigrados, persoa transcendente na vida do escritor. Foi tan intensa a relación cos galegos do exilio, que só dende ela é posible reconstruír e comprender a biografía do escritor nos anos anteriores ó seu traslado a Francia.
Pero se importante, dende o punto de vista biográfico e afectivo, é a amizade e as súas consecuencias, non o é menos a singularidade dos personaxes galegos que transitan polos seus relatos e novelas. [Presentación editorial]