Puntuación: 1.6/5 (72 votos)
Verbo de "Domingo de resurrección", o libro de relatos que presentamos, é unha agradable e apetecible proposta literaria na que o seu autor amosa enxeño, amenidade, axilidade narrativa e un bo manexo dos recursos expresivos, feito todo sobre o soporte da oralidade, esforzándose o autor en lograr a maior claridade expositiva posible, a base de tirar moitos intentos ao cesto dos papeis, pois Cabeza Quiles foxe adrede, con verdadeira vontade de estilo, de toda literatura artificiosa, chea de tecnicismos sobexos e citas e aforismos memorables usadas antes por outros nunha rolda interminable. Ao contrario, Cabeza Quiles aposta por unha literatura espida e espontánea na que prima unha prosa breve, limpa e directa chea de humor, que conta historias reais adozadas con elementos marabillosos e fantásticos (velaí a pegada do mestre Cunqueiro). En definitiva, Fernando protexe o reino da oralidade e vestíndose de contacontos crea unha literatura propia con ecos dos tamén mestres, Castelao, Gonzalo Navaza, Xabier P. Docampo ou Agustín Fernández Paz.
O libro leva un limiar e un epílogo, respectivamente, dos filólogos, escritores e críticos literarios, Xosé Manuel Varela, de Malpica; e Miro Villar, de Cee.
[Contracapa do libro]