Puntuación: 1.6/5 (34 votos)
A introducción aborda a cuestión da invisibilidade das mulleres na Historia ou alomenos, nas fontes escritas convencionais que utilizaron os historiadores ata que as mulleres se converteron nun dos suxeitos privilexiados coa expansión dos Estudos de Xénero. Esa introducción achega, tamén, unha panorámica destas cuestións na historiografía española e galega e expón, de seguido, cales foron as fontes documentais empregadas, os obxectivos da pescuda e a metodoloxía de traballo. Este apartado remata salientando a importancia das memorias de vida, da documentación epistolar e das fotos familiares que van esmorecendo nas casas petruciais agardando que algúen se preocupe por recuperalas como fontes para a historia social de Galicia.
A segunda parte do libro é, cecais, a máis teórica, porque resume o debate das ciencias sociais sobre a invisibilidade social das mulleres e a súa pluriactividade para xestionar a casa, a familia e a explotación. Procurei contrastar, precisamente, esas teorías das ciencias sociais sobre o recurso á pluriactividade por xénero no contexto da adaptación das explotacións familiares ó capitalismo co caso galego. Esto levounos a analisar fenómenos como o analfabetismo feminino e o traballo doméstico na Galicia rural, as estratexias matrimonias, a situación das nais solteiras e, en xeral, a imaxe da muller nas aldeas galegas do século pasado.
O terceiro apartado do libro está adicado á participación das mulleres na emigración. Xa introduce memorias de vida de varias mulleres que emigraron ou pacederon a ausencia dos seus pais. E propón unha tipoloxía alternativa para a emigración, dende unha perspectiva microsocial que analise os roles desempeñados polas mulleres nas familias con emigrantes. O mellor exemplo dese ábano de posibilidades son as memorias de vida de Gumersinda Varela, filla de emigrado que marchou, tamén ela, co seu marido a Cuba en 1935, de Erusina Cudeiro, que lembra as catro viaxes do seu pai á Perla das Antillas e o investimento da América que fixo alá en pagar as débedas dos pais, por de seu o gando que tiñan de medias e establecer unha taberna que atendía a súa dona.
Este mesmo capítulo recolle, tamén, as lembranzas de Ängeles Quesada sobre a andaina migratoria de tres xeracións da súa familia, dende Cuba e Brasil ata Francia e Suiza. Están cheas de conciencia ética e de crítica ó trato que damos agora ós inmigrantes. Moitos deles padecen situacións de explotación e semiescravitude como as dos galegos que chegaron ás facendas do café do Estado de Sâo Paulo a fins do século XIX e fuxiron axiña cara ás cidades de perto. A memoria desas pequenas odiseas transmitiuse nas sucesivas xeracións de dúas familias galegas orixinarias de Verín que tamén aparecen neste libro.
Quixemos repensar, tamén, cales foron as chaves explicativas da participación das mulleres nas protestas sociais no agro galego de antes da Guerra Civil e, finalmente, como sobreviviron estas mulleres labregas naqueles anos da posguerra que estiveron marcados por unha represión inmisericorde, que deu lugar a moitos crimes de xénero, e pola participación de milleiros de mulleres no estraperlo de pequna escala pola simple necesidade de sobrevivir. Foi por iso que recollemos as lembranzas de varias mulleres que padeceron a represión na súa familia e que se arriscaron estraperlando para sacar adiante ós seus, naqueles anos de mortos nas beirarrúas, de medo e de fame que non deberíamos esquencer.
A función social dos historiadores é precisamente manter viva a memoria social do pasado e fomentar a cultura democrática de respeto e tolerancia. Esto implica, tamén, a denuncia e a condea das dictaduras, dos principios totalitarios que as inspiran e dos intereses que as perpetúan. Os corenta anos de silencio imposto pola dictadura franquista, os pactos de esquecemento para facilitar á recuperacion das libertades e o revisionismo histórico dalgúns oportunistas acadaron, case, o seu obxectivo de evitar que a memoria histórica da cidadanía se aventure máis alá dos comezos da Transición. Fixen este libro para axudar a que as xeracións novas e non tan novas descobran ou "recorden" como era a vida en Galicia no tempo dos nosos avós. Ten moito de compromiso persoal e homenaxe a todas as mulleres que tiven a sorte de coñecer e entrevistar dende 1989 ata datas recentes. A maior parte delas xa remataron os seus días de traballo neste mundo, pero eu lembraba a xenerosidade coa que me contaron as súas vidas e puxeron ó meu dispor a documentación familiar que elas conservaban. Aínda se conservan cartas dos familiares ausentes, fotos que eles enviaban e outros papeis e obxectos que constitúen a memoria familiar pero forman parte, tamén, da memoria colectiva de Galicia, en moitos baúles e faiados das casas labregas e, tamén, nas dos comerciantes dos pobos e das vilas. Coido que é posible recuperar esta documentación, dun xeito sistemático, artellando unha rede vertical que teña os seus piares en obradoiros de memoria familiar e historia local que poden desenvolverse a dous niveis: os departamentos de Cultura e os técnicos dos concellos que traballan coas asociacións da terceira idade, por unha banda, e os profesores de ensino primario e secundario cos alumnos e coas familias que integran a comunidade escolar pola outra. Porén, deben ser os os especialistas das Universidades e dos Museos, e as institucións que abandeiran a cultura galega, como o Museo do Pobo ou este Consello da Cultura, os que coordinen e dirixan o que debería ser unha rede temática para recuperar a memoria social de Galicia durante o século pasado. Pero esto son proxectos de futuro, que dependerán do que fagamos todos nos, así que moitas grazas pola súa presenza, desexo que o libro lles goste e, sobre todo, que os anime a "facer país” recuperando a memoria oral e a documentación desas familias de labregos, mariñeiros, tendeiros, etc, que tiveron emigrantes, retornados e, sobre todo, xeracións de mulleres que traballaron arreo para sacar adiante ós seus. Elas foron o alicerce da capacidade de adaptación pluriactiva das súas familias ó mundo contemporáneo e coido que merecen máis espazo nos libros de Historia.
[Resumo do autor]