Puntuación: 2.1/5 (38 votos)
Gato Guille estaba xogando na súa habitación. De súpeto escoitou un
ruido estrano: Fiiiuuuuu fiiiuuuu... Asustouse moito e saiu correndo
Este álbume ilustrado aborda un tema tan interesante coma habitual na vida de tódolos nenos: o medo. Gato Guille é incapaz de quedar só
xogando -mentres a súa nai se ocupa das tarefas do fogar noutras habitacións da casa- porque Ile aterra calquera ruido estrano que chega aos seus oídos. Calquera son alleo aos xogos que desenvolve convértese na súa imaxinación nun monstro terrible que o axexa e está a piques de atacalo. A súa reacción inmediata é a de saír fuxindo na procura da protección da súa nai.
Mamá Gata é a única fonte de seguridade para o pequeno protagonista e segundo avanza a historia, o lector comprobará que tamén é a única capaz de desterrar eses temores. Porque no ecuador do relato, é a nai quen se asusta de tódolos ruidos que previamente atemorizaran a Guille. Será daquela o pequeno gato quen a axude a perder o medo tomándoa da man e dándolle unha explicación razoable, habitación por habitación, a cada un dos sonidos que confundía con monstros.
Así, o aire que entra pola fiestra, a lavadora, o ascensor ou a cisterna que gotea resultan ser a orixe do medo infundado de Gato Guille e, por extensión, de Mamá Gata, que utilizou un eficaz recurso lúdico para inxectar valentía e confianza en si mesmo ao seu fillo. Mamá Gata é a alter ego da autora que, deste xeito, se dirixe aos pequenos lectores para transmitirlles a idea de que o medo só está na mente de cada un e que hai que afrontarlo con decisión para vencelo.
Deseño, ilustracións e historia conxúganse para facer de "Gato Guille e os monstros" un libro ideal para ler e gozar cos nenos a partir de tres anos. Rocío Martínez utiliza a técnica do pastel para recrear personaxes e espacios cheos de dozura.
Tamén xoga coas perspectivas para dar a sensación de que cada estancia da casa é un sitio inmenso, porque é así como os nenos máis pequenos perciben a realidade máis inmediata.
Con esa sensación de amplitude acrecéntanse tamén as sensacións de intriga, medo e soidade que invaden a Gato Guille. Pero os ambientes nunca chegan a ser ameazantes nin tétricos, porque en todos eles hai elementos -como xoguetes, roupa ou libros- que Ile lembran ao lector que está nun lugar seguro, o fogar, onde pode sentirse tranquilo.
Non falta a particular homenaxe da autora a Maurice Sendak, autor de "Onde viven os monstros". Esta obra -editada por KALANDRAKA en galego, catalán e vasco- aparece representada nunha das esceas do libro.
En canto ao deseño, os diferentes tamaños da tipografía e a disposición dinámica das palabras en cada páxina logran efectos visuais que enriquecen a narración e a mensaxe do conto: recursos coma as onomatopeis ou o maior tamaño das frases nos momentos onde se quere marcar picos de tensión, contribúen a sacarlle á historia todo o seu potencial.
[Presentación editorial]