Puntuación: 2.3/5 (42 votos)
O tándem texto-ilustracións é a clave para que "Un dous tres, que ves?" se convirta nun dos libros favoritos dos primeiros lectores. A sucesión de personaxes que desfilan por cada páxina en diferentes situacións, actitudes e con distintas apariencias físicas permite que os nenos aprendan a recoñecer imaxes, palabras e vocabulario.
A rima mantense dende o principio ao final do conto, incluidas portada e contraportada. Tamén destaca a estructura, facilmente recoñecible, porque se conserva ao longo de todo o relato.
Así pois, ritmo, personaxes encadeados e ilustracións cheas de colorido fan de "Un dous tres, que ves?" un libro moi divertido. Outro aliciente a ter en conta para o público infantil é a diversidade de animais que atoparán neste libro: lobos e porquiños, gatos e cans, unha raposa mirona, un coello bobo ou un oso enfadado son parte da fauna invitada a este festival de humor.
O formato, en cartón duro "a proba de nenos", está pensado para que os lectores se relacionen intensamente co libro: que sexa manexable, que poidan pasar as páxinas sen dificultade, que o teñan como un obxecto -e mesmo un xoguete- máis. "Un dous tres, que ves?" é unha obra útil para servir de apoio á aprendizaxe dos primeiros lectores, á súa capacidade para comunicarse e desenvolver a psicomotricidade.
Presentación editorial]