As dúbidas e curiosidades dos lectores sobre o proceso creativo dunha obra de arte teñen resposta grazas a este libro, o primeiro que escribe Ramón Trigo. O autor explica, cunha linguaxe sinxela, que calquera traballo relacionado coa creación é unha sucesión constante de proba e erros ata que se acada o resultado desexado. A pintura é o claro exemplo deste debate dialéctico do artista coa súa propia incertidume. E cando está seguro o pintor de que a súa obra está rematada? "Nunca", responde Ramón Trigo coa seguridade que lle dá a experiencia. A súa forma de traballar non é de todo metódica, pero os bosquexos -"moitísimos bosquexos", matiza Trigo- son unha ferramenta clave do proceso creativo. "Porque as ilustración non xurden por arte de maxia", explica o artista. [Presentación editorial]