Con "Un artista da fame" remátase a publicación en galego das narracións completas de Franz Kafka (Praga, 1883-Kierling, Viena, 1924). Este volume recolle, seguindo unha ordenación cronolóxica, as narracións escritas polo autor desde 1917 ata o final da súa vida. Inclúense os maxistrais lampexos narrativos dos seus cadernos de notas, os textos cos que no verán do ano 1920 retoma o seu traballo literario logo do período da enfermidade e as narracións das páxinas do seu diario contemporáneas á redacción da novela "O castelo". Nun incesante buligar creativo, Kafka concibe fantasías sorprendentes e iluminadoras a carón de descricións precisas e paradoxais. [Contracapa do libro]