"Esperta este Orfeu en soños de vedraia tumba de marbre, nun illote fronte ás costas de Tracia, erguendo a fonte limpa do seu canto e a súa profética sombra ("Pantasma de dubidoso aspecto") dende as primeiras páxinas do libro.
Mais non recalará a súa lira nas costas mediterráneas homérico mar, escuro coma o viño. Na súa singradura escorregan ronseis e hexámetros clásicos sobor das ondas, e os timoneis de Ulises a Derek Walcott e Manuel Antonio sucan por mares nunca de antes navegados. O obxetivo son as Illas Afortunadas, metáfora ou paráfrase incompleta da Arte e da Poesía Boa. Cada poema é arquipélago de seu; os versos, as imaxes corren en carreira desbocada, iluminan uns instres antes de apagarse como chama e seren sobrepasadas na carreira. Recalada nunha illa: rubimos entre o recendo de rústicas flores a tortuosa xeografía da sintaxe. En cada río e curso de auga toma quizaves Ofelia as nove ondas que fecundan estes versos. E os paxaros faladores esgazan co peteiro follas que conteñen poemas de amor". (Conde d Paço Tristão).
[Presentación editorial]