Cando recibimos a invitación para prologar este libro acollemos a idea con agrado por un duplo motivo: a confianza depositada polos autores e o interese persoal sobre o tema como estudioso das formas tradicionais de vida de Galicia.
Nun principio xurdiu a vea profesional e a idea de facer unha breve introdución etnolóxica para comentar e interpretar os diferentes textos recollidos na obra, mais desde o primeiro momento da súa lectura prevaleceu o enfeitizamento do que se conta, o que engancha ao lector ou ao que escoita os contos, sucedidos, lendas, relatos, etc., que aquí se expoñen.
A variedade do material recollido e a súa intelixente ordenación leváronnos, tal como pretendían os autores, a experimentar unha serie de sentimentos diversos que van desde a risa e a sorpresa até o medo.
Acádase o obxectivo de facer sentir, pensar e soñar aos lectores cos relatos recompilados no Valadouro, expostos dunha forma literaria fiel ao seu orixinal.
Alén da importancia de nos facer sentir, pensar, fabular e soñar noutros mundos, como é o propio da boa literatura, a recolleita ten outro grande valor, non menos importante do que o primeiro: recoller unha parte do noso patrimonio cultural a piques de desaparecer. [Fragmento do Prólogo de X. M. Vázquez Varela]