Puntuación: 1.9/5 (73 votos)
Pero a xeografía deste orixinal conxunto de relatos, sexa a referenciada en Rianxo, en París, en Kuala Lumpur, nese autobús recorrente e público que pervaga todo o conxunto, é moi outra. Quer decerse, non é realista, non responde ás claves da denominada xeografía realista, pois foi elaborada, tecida e concibida co suxestivo fío do nobelo fantástico. E esta asunción, por se houbese dúbidas, ten o seu peculiar manifesto nun relato: "Carta a Doirau". Decántase aquí, pois, X. Ricardo Losada por continuar, eu penso que moi acertadamente, coa corda fantástica do gran- de Dieste contista.
Como do mellor Castelao asume ese eu espello do mundo, voz, medium. Porque ó lado da xeografía toponímica, temos tamén en "O xene da chuvia" unha verdadeira xeografía biográfica, cifrada cremos adiviñar en cada unha das partes en que o autor nos divide o libro, retrincos dunha experiencia vital peneirada ó xeito fecheiro, de arca e couse, e tratada despois nos laboratorios da fabulación coa alquimia persoal deste senlleiro artista, fábrica na que non faltan desde logo as doses de humor e de ironía, pero na que tamén actúa o vigoroso catalizador da saudade, coma un substrato capaz de devorar a posmodemidade. Velaí o amor de Helena e Alberte no excepcional relato " A coartada dos ollos baixos".
É este, en definitiva, como na mellor tradición contística universal (Cortázar, Ferrín, Borges, Joyce...), un conxunto de contos habitados tamén pola literatura. Citas, alusións, personaxes, autores, obras... E talvez a máis contundente e afortunada expresión desta vocación metaliteraria sexa "Un plaxio máis que legal".
[Fragmento do prólogo de Anxo Angueira]