Puntuación: 1.8/5 (33 votos)
O terrible xigante Verlioka raptoulle as netas ao labrego e quixo esmagar a súa muller. Entón, o avó decidiu ir buscalo e axustarlle as contas. Polo camiño atopou unha oca sen cola, un can mil razas e un burro rabón; e todos xuntos foron darlle o seu merecido ao xigante.
A estrutura da historia correspóndese co esquema do conto marabilloso ruso que apuntaba Vladimir Propp. “Verlioka” é un exercicio de estilo, rexido por normas e regras arquetípicas; pero esta versión literaria toma prestado un punto de partida da tradición oral para crear a trama narrativa.
Os animais e os humanos colaboran, enfrontándose ás adversidades para superalas e obter finalmente a vitoria. Noutras versións de “Verlioka”, as axudas veñen ofrecidas por elementos que van aparecendo no camiño do avó (corda, muíño de auga, forno, landra...); obxectos máxicos ligados á cultura do pobo ruso. Co ánimo de ofrecer unha estrutura nova para facer memorable o terrorífico xigante, a autora opta nesta versión pola colaboración dos animais. A transformación dos animais (poden falar, axudar, dar consellos) fan que se convertan en eternos compañeiros que proporcionan tranquilidade, compañía e ata alivio de temores aos máis pequenos.
Detrás das forzas adversas do xigante, existe o mundo benigno do home que, acompañado polos seus astutos e enxeñosos amigos, triunfará definitivamente sobre o maléfico xigante.
As ilustracións xogan co carácter hiperbólico dos personaxes, incidindo no sentido humorístico do conto. Cun universo de cores intensas, Sergio Mora ofrece un ambiente que evoca os libros antigos e as estampas de época, a través do craquelado da imaxe.
[Presentación editorial]