Os principais protagonistas de "O aliado inesperado" son un lobo ferido por un lazo de aceiro e un home ferido pola vida. Na novela desenvólvese unha insólita alianza contra a soidade e o medo, nunha illada aldea da montaña. A través dos recordos do home protagonista, que é o último habitante do seu pequeno mundo, Xavier López Rodríguez conta historias de tempos en que a loita contra os lobos se disfrazaba de necesidade para caer en ritos ateigados de crueldade, e outras máis actuais pero non menos inquietantes. A novela invita a reflexionar sobre as razóns polas que moitas aldeas acaban desertas, só cheas de espazo e silencio, precisamente dous dos bens que máis botan en falta moitos residentes nas grandes cidades. [Contracapa do libro]