"As Historias de Pepe de Xan Baña" naceu para honrar a figura dun autor, Xosé Baña Pose, tan importante non só para os xalleiros, senón tamén para os seus veciños bergantiñáns, barcaleses e soneiráns, e, en definitiva para os galegos todos e para a cultura galega. O seu traballo e a súa preocupación pola terra que o viu nacer ben merece este recoñecemento. El escribiu para a súa xente, para os seus veciños, e escribiu sobre eles, sobre a súa terra, das súas festas e dos seus traballos, dos seus recordos e das súas penurias... É esta unha edición comentada e anotada das obras e escritos máis importantes e significativos de Baña Pose, que inclúe, ademais dunha biografía e da súa poesía anteriormente editada, a novidade de achegar unha serie de textos diseminados, que axudarán a configurar dun xeito máis claro a súa personalidade e a súa valía como escritor. [Contracapa do libro]