Puntuación: 2.1/5 (41 votos)
Tres irmáns, desatendendo as advertencias da nai, intérnanse nun bosque escuro e misterioso, onde calquera cousa pode pasar. O máis pequeno, temeroso e consciente do perigo, trata de avisar os dous maiores, pero ten que tomar unha decisión e acaba por acompañalos. Como non sabían o camiño de volta, decidiron entrar na casa da bruxa, onde cheiraba a comida...
Os contos e lendas acerca de bruxas constitúen un repertorio vivo e abondoso, practicamente universal. Con frecuencia, os cativos personifican os seus medos en personaxes malvados de aparencia humana. Para gañar confianza e superar os temores, nada como escoitar contos onde os protagonistas triunfen sobre eses seres aterradores, creados na imaxinación.
O personaxe da bruxa devoradora de nenos que vive nunha casiña no medio do bosque, aparece na tradición oral común a moitos pobos (Turquía, Rusia, Europa...) e conta con antigos antecedentes literarios. "A Bruxa Regañadentes" presenta un carácter híbrido, con elementos narrativos arrancados destas culturas.
Nesta ousada aventura, o pequeno é o único capaz de ver con claridade (recoñecer a casa da bruxa, desconfiar da aparente afabilidade da descoñecida..., sen deixarse levar polos impulsos e a satisfacción dos desexos.
Se no principio do relato, os maiores facían burla do irmán por consideralo medroso e cativo, no desenlace transmítese a idea de que, aínda que alguén sexa considerado insignificante, será capaz de superar as dificultades; finalmente será o pequeno quen, con astucia e intelixencia, tome iniciativas e afronte a gravidade da situación.
"A Bruxa Regañadentes" conta cunhas excepcionais ilustracións, feitas polo italiano Maurizio A. C. Quarello. Quarello presenta imaxes impactantes que recrean unha atmosfera de contrastes e claroscuros que proporcionan ao libro un ambiente cargado de suspense. Como contraste, o ilustrador ofrece unha segunda lectura, con detalles cheos de humor que invitan a recrearse unha vez tras outra para descubrir con cada lectura un novo detalle sorprendente.
[Presentación editorial]